coruna 16/09/2020

O concello desinfectará esta tarde o CEIP Ramón de la Sagra tras confirmarse dous positivos en COVID-19

by Victor Lamela

O concello desinfectará esta tarde o CEIP Ramón de la Sagra tras confirmarse dous positivos en COVID -19 no alumnado do centro educativo. O propio colexio solicitoulle ao concelleiro de Educación e Memoria Histórica, Jesús Celemín, que acometa estes labores de desinfección no centro de ensinanza de Elviña, que se realizarán en coordinación coa Concellería de Medio Ambiente que dirixe Esther Fontán.

A Concellería de Educación respondeu de inmediato a esta petición da dirección do CEIP Ramón de la Sagra, o primeiro centro educativo con casos positivos da COVID -19 na cidade, para evitar que aparezan máis contaxios no alumnado e profesorado. Ambos os concelleiros lembran que este tipo de actuacións deben ser financiadas pola Xunta de Galicia e que non son da súa competencia, aínda que dada a urxencia do caso procederase á devandita desinfección do centro.

Desde hai días a alcaldesa denunciou a improvisación da Xunta á hora de preparar a volta ás aulas nos centros públicos de toda Galicia xa que, asegura, o Goberno de Feijoo está “deixando que todo o peso da volta ás aulas recaia sobre os concellos”. Ademais, esíxelle á Consellería de Educación que lles transfira aos concellos os fondos que a Xunta recibiu do Estado para cubrir os gastos educativos derivados da COVID-19 e “podermos asumir deste xeito esas competencias que non son dos concellos”. Rey sinala que “necesítanse medios e fondos para poder realizar os labores de desinfección nos centros, que a Xunta está obrigada a facer”.

A %d blogueros les gusta esto: