Deportes 02/15/2019

O Concello despregará este domingo un dispositivo especial de tráfico co gallo da celebración do XI Medio Maratón Coruña21

by Victor Lamela

O vindeiro domingo 17 de febreiro celebrarase a XI edición do Medio Maratón Coruña21, que reunirá a 2.105 atletas nas rúas da cidade. A carreira, que comezará ás 10.00 horas, ten a súa saída e meta no Cantón Grande e conta cun circuíto de 21.097,50 metros de dúas voltas, deseñado entre Os Pelamios e Oza. Debido ao desenvolvemento da cita deportiva, o Concello despregará un dispositivo especial de tráfico para facilitar a mobilidade da veciñanza no termo municipal durante o transcurso da mesma. Neste sentido, recoméndase evitar, na medida que sexa posible, o uso do vehículo privado nas zonas afectadas e, de ser necesario, aconséllase a circulación polo Paseo Marítimo así como empregar a Ronda do Real Club Deportivo como vía de entrada e saída da cidade.

Os primeiros cortes produciranse desde as 06.30 horas da mañá na zona dos Cantóns e da Mariña, para a montaxe da saída e meta da carreira. Así, até as 14.30 horas, non se poderá circular desde a praza de Mina até o Parrote, e a parada de taxis nesta zona quedará anulada. No sentido saída da cidade, o tráfico desviarase cara á praza do Emigrante e túnel do Parrote, mentres que, no sentido entrada, se desviará desde a Praza de Mina cara a Juana de Vega. A partir das 7.30 produciranse tamén cortes nalgúns treitos da AC-10, AC-11 e AC-12, que se prolongarán até as 12.30 horas, aproximadamente. No caso da AC-10, o tráfico de acceso ao porto que chega a través do túnel deberá baixar á glorieta de Casablanca. Na AC-11, manterase a conexión Alfonso Molina – Avenida do Porto deixando un carril para cada sentido de circulación desde o viaduto até a Delegación do Goberno. No caso da AC-12, na avenida da Pasaxe cortarase o tráfico de entrada desde o CHUAC, desviándose cara ao enlace con Casablanca e mantendo permeabilidade para acceder ao Porto.

Finalmente, desde as 9.30 horas e até as 12.30 horas, o Concello procederá a cortar totalmente a circulación do tráfico no circuíto do Medio Maratón Coruña21. Así, non se poderá circular no Paseo Marítimo, desde o Castelo de San Antón até o Cemiterio de San Amaro –impedindo o acceso desde a glorieta de Adormideras e Veramar, aínda que haberá un carril de acceso cara á rúa Veramar para permitir a saída dos garaxes–, e o tráfico de entrada polo túnel da Mariña desviarase cara ao túnel de María Pita, previa inspección de vehículos por exceso de gálibo. Ademais, manterase a conexión de saída desde Metrosidero e Julio Portela Ceballos cara ao Paseo Marítimo, Praza do Emigrante e túnel do Parrote, itinerario que tamén empregará o transporte público urbano.

Os cortes e desvíos tamén afectarán a outras zonas do circuíto. Así, cortarase a rúa Santa Catalina para desviar o tráfico de Durán Loriga cara á rúa Huertas e habilitarase un carril en Linares Rivas, próximo ás casas, para permitir a saída dos garaxes. Manterase tamén un carril desde a Costa da Palloza cara a Ramón y Cajal, respectando o acceso á Casa do Mar –que empregará o transporte público interurbano–, e cortarase a vía do porto entre a Casa do Mar e Oza, permitíndose só a entrada e saída ao porto nas dúas glorietas. En canto ao estacionamento, suprimirase no Paseo Marítimo, desde Veramar até a praza do Emigrante –así como na mesma praza–, e na avenida do Exército, desde a Casa do Mar até a glorieta coa Rolda de Outeiro.

Transporte público

O servizo de transporte público colectivo tamén modificará a ruta ordinaria de distintas liñas pola posta en marcha do dispositivo especial de tráfico. A partir das 9.30 horas, hora prevista do corte do tramo entre a Casa do Mar e Porta Real, as liñas 1, 1A, 2, 2A, 5, 17, 23 e 23A, procedentes de Catro Camiños e con dirección Porta Real, desviaranse cara Enrique Hervada, Castiñeiras, viaduto de Alfonso Molina, praza de Ourense, avenida do Porto, túnel de María Pita e praza das Atochas. Desde alí, as liñas 5 e 17 continuarán por Orillamar, mentres que as liñas 1, 1A, 2, 2A, 23 e 23A circularán por Metrosidero cara ao hospital Abente y Lago, desde o que circularán cara ao túnel do Parrote, avenida do Porto –vía na que se instalarán paradas provisionais en ambos sentidos de circulación, nas proximidades do Kiosco Alfonso–, praza de Ourense, avenida de Alfonso Molina, Pajaritas e Catro Camiños, punto no que recuperarán o seu itinerario habitual. As liñas 1 e 17 entre Catro Camiños e Os Castros, ao non poder circular pola Palloza e a avenida do Exército, transitarán pola avenida de Oza. Polo mesmo motivo, a liña 14, desde Os Castros cara a Catro Camiños, circulará pola mesma avenida.

Pola súa banda, as liñas 21, 22 e 24, desde Catro Camiños, circularán por Castiñeiras, Federico Tapia e praza de Galicia, para situar en Juan Flórez 10 a cabeza de liña –punto, ademais, no que o 22 e o 24 recuperarán o seu itinerario–. No caso do 21, continuará por Juan Flórez cara a San Pedro de Mezonzo, Catro Camiños e Ramón y Cajal, vía na que se reincorporará a súa ruta.

Finalmente, as liñas 3 e 7, desde San Andrés, continuarán por rúa Alta, Paseo Marítimo, rúa Hospital, Campo da Leña e Orillamar, onde recuperarán o seu itinerario. A liña 3A, no sentido Adormideras – Os Rosales, continuará desde Campo da Leña por Panadeiras, San Andrés e praza de Pontevedra.

A %d blogueros les gusta esto: