Conciertos 09/03/2019

O Concello encargarase do pantalán da Sociedade Deportiva As Xubias como primeiro paso para a futura base náutica municipal de Oza

by Victor Lamela

A Xunta de Goberno Local asumirá a cesión dun pantalán desmontable por parte da Sociedade Deportiva As Xubias, que pasará a formar parte do proxecto da Estación Náutica Municipal de Oza. O Concello encargarase da súa revisión, instalación e mantemento.

Trátase, explican desde Deportes, dun primeiro paso para poñer en marcha na explanada de Oza unha base para deportes e ocio náutico. Un complexo deportivo que tamén servirá nun futuro de sede das Escolas Deportivas Municipais. O proxecto xa conta coa aprobación da Demarcación de Costas, pero está pendente do deslinde marítimo- terrestre.

O Goberno local sinala a necesidade de contar cunhas instalacións que lle permitan ofrecerlles servizo non só ás Escolas Municipais Deportivas, senón tamén a outras entidades e clubs que se dediquen á práctica de actividades náuticas.

Así mesmo, a aceptación desta doazón non implica custos adicionais de gasto, xa que ao pasar a ser un ben municipal está cuberto polos seguros do concello, tanto de responsabilidade como de danos propios. As obras de reparación e a posta a punto do pantalán ascenden a 21.648,77 euros, e xa hai fixada unha partida orzamentaria para esta actuación.

Nesta mesma liña, a Xunta de Goberno Local ten previsto aceptar a doazón da biblioteca do Ateneo Republicano que contén fondos doados pola familia Alvajar. A entidade propuxo como destino a biblioteca da Casa Museo Casares Quiroga coa fórmula xurídica que o concello considere máis apropiada, pero sempre coa condición de que non se separen os fondos.

Os fondos inclúen libros de ensaio pertencentes ás ramas de Ciencias Políticas, Socioloxía, Economía e Historia de España con títulos que abordan os séculos XIX e XX españois, así como monografías sobre a República, a Guerra Civil e distintos movementos sociais.

Na sesión de mañá, a Xunta de Goberno Local dará luz verde á prórroga do contrato subscrito coa empresa Ángel Roade SL para a reparación, mantemento e reposicións dos edificios e espazos exteriores nos colexios de educación infantil e primaria, no Colexio de Educación Especial Nosa Señora do Rosario e no Centro Público de Educación e Promoción de Adultos Eduardo Pondal, cunha dotación orzamentaria de 80.222,09 euros para o exercicio 2019, e de 304.843,89 euros para 2020.

Tamén se ampliará por un ano o contrato coa empresa UTE Osventos Innovación en Servizos SL e Axiña Servicios Deportivos SL para a posta en marcha de actividades socioculturais de prevención e cooperación social nos centros cívicos municipais, cun orzamento de 481.766,03 euros.

Por outra banda, a corporación acordará eximir a Fundación Mujeres de pagar as taxas por utilizar a Sala Conecta do Centro de Empresas ACCEDE Papagaio os días 31 de xullo e 2, 7, 9 e 30 de agosto, co fin de realizar accións formativas para mulleres emprendedoras.

No ámbito urbanístico, a Xunta de Goberno Local, atendendo a executar unha sentenza xudicial, aceptará o proxecto de modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal no ámbito do plan especial dun terreo en Feáns. O concello deberá modificar a cualificación do terreo de solo urbanizable a solo urbano para destinalo a un espazo libre.

Por último, acordarase aprobar un estudo de detalle para que a empresa Carnicosa amplíe as súas instalacións no polígono da Grela coa construción dun novo edificio e a ordenación do resto de naves.

A %d blogueros les gusta esto: