coruna 11/12/2015

O Concello habilitará 150 novas prazas de aparcamento na Cidade Vella mediante actuacións de “reordenación do tráfico, pintado e pequena obra civil” para minimizar o peche de terreos do Ministerio de Defensa

by Victor Lamela

A Concellería de Mobilidade Sostible acometerá un plan de optimización de aparcamentos da Cidade Vella para “aliviar o impacto que suporá para a cidadanía a intención do Ministerio de Defensa de pechar ao público tres solares que, na actualidade, son usados como aparcadoiros tanto por veciños e veciñas como por comerciantes da zona”. Así o recorda o titular desta área do Concello, Daniel Díaz Grandío, que explica que as actuacións que proxecta o Goberno local desenvólvense “na bolsa de aparcadoiro situada na parte traseira do Instituto Oceanográfico; na rúa Maestranza, entre as rúas Metrosidero, Campo da Estrada, e General Alesón, e no Paseo Marítimo, entre as rúas Veramar e Metrosidero”. “O Goberno local levou a cabo un estudo para acometer esta optimización de espazo que se basea na reordenación do tráfico, actuacións de pintado e acometida de pequenas obras civís para poder ampliar a oferta actual de prazas”, indica o representante municipal.

En concreto, con estas actuacións en tres ámbitos distintos, o Concello habilitará na Cidade Vella 155 novas prazas de aparcamento, “coas que se trata de aliviar o impacto da decisión do Ministerio de Defensa, que prevé o inminente peche de tres terreos distintos onde, segundo os nosos cálculos aparcan máis de 250 vehículos, entre veciñanza e comerciantes da zona”. Así, e tras acometerse o proxecto de optimización, nas zonas anteriormente citadas do Oceanográfico, Maestranza e Paseo Marítimo, a cidadanía poderá facer uso dun total de 287 prazas de aparcamento. “Os solares cos que o Goberno central pretende facer negocio sen ter en conta os intereses da cidade ­­que se usan como parking en base a un convenio pactado entre Concello e Ministerio en 2009, pero que tan só tiña un ano de duración e o Goberno central podía disolver de forma unilateral­­ atópanse ubicados entre a rúa Maestranza e a avenida do Metrosidero, e entre esta e o Real Club de Hípica da Coruña”, recorda Díaz Grandío.

Na zona do Instituto Oceanográfico, a proposta da Concellería de Mobilidade Sostible pasa por, mediante pequenas obras, incrementar as prazas actuais de 43 a 87, sumando por tanto en 44 estacionamentos a oferta municipal. Na contorna de Maestranza e Metrosidero, o Goberno local proxecta unha reordenación do tráfico en ambas rúas co que as prazas de aparcamento pasarían de 89 a 133, con 44 máis. Por último, coa eliminación dun dos carrís de circulación do Paseo Marítimo entre as rúas Veramar e Metrosidero poderían habilitarse 67 prazas.

Por outro lado, Mobilidade Sostible está a contactar cos aparcadoiros de pago da zona (ubicados no Parrote, na Maestranza e na Mariña) “para levar a cabo unha análise das tarifas e dos convenios que puidesen ter asinados con colectivos de residentes ou traballadores e traballadoras da Cidade Vella).

A %d blogueros les gusta esto: