coruna 14/05/2016

O Concello incorpórase ao Programa para a Identificación Policial Eficaz que busca “velar pola seguridade de toda a cidadanía e, á vez, garantir o respecto polas diversidades”

by Victor Lamela

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e o voceiro da Plataforma pola Xestión Policial da Diversidade, José Francisco Cano de la Vega, asinaron un acordo que ten como obxecto fixar as liñas de colaboración entre o Concello e esta entidade de cara ao desenvolvemento do Programa para a Identificación Policial Eficaz (PIPE) na Policía Local. A Coruña é unha das dúas cidades do Estado que este ano participarán na segunda fase deste plan, que funciona como unha iniciativa de formación que traballa na adaptación dos corpos policiais ás novas demandas diversas dende dúas frontes, como son, por unha banda, a formación dos e das profesionais e, por outra, o traballo de achegamento da labor policial ao tecido social. A inclusión deste programa levará ao Concello a crear, ademais, unha comisión, onde estará representado tanto o Goberno local, como membros da Policía Municipal e de distintos colectivos minoritarios e minorizados, como son o LGTBQI, asociacións relacionadas con migrantes, e colectivos con diversidades funcionais, para traballar de forma conxunta.

unnamed

Ferreiro destacou que a firma deste convenio colaborativo, e as actividades formativas que implica, fará da Coruña un lugar “aínda máis seguro, máis tolerante e máis igualitario”. “O traballo da Policía Local e de calquera outro corpo ou institución é velar pola seguridade pero á vez, trabalhar para garantir o respecto e a tolerancia de cara ás distintas diversidades. A nosa cidade cada vez, de acordo cos tempos, é máis plural, hai más xente con distintas realidades, con diversidades que deben ser recoñecidas. Isto tamén é un desafío, que nos obriga a traballar. O que pretendemos dende o Goberno local é, entre outros factores, facer que os delitos de odio desaparezan”, comentou. O primeiro edil tamén quixo destacar a valía de moitos e moitas traballadoras municipais “que están dispostas a traballar nesta liña, igual por exemplo que xa o fan no proxecto Titor, que busca mellorar a convivencia na contorna escolar”.

Pola súa banda, a concelleira de Igualdade, Rocío Fraga, que liderou os contactos coa Plataforma pola Xestión Policial da Diversidade, manifestou que os colectivos que representan á diversidade solicitaron ao Goberno local dende a súa chegada “que o funcionariado a pé de rúa traballe coa perspectiva de que a diversidade existe, e enriquece unha sociedade como a nosa”. “Se se traballa dende agora, en base a este convenio, cremos que se atallarán moitos dos problemas de convivencia que, afortunadamente de forma moi illada, se poden producir na nosa cidade”, explicou a responsable municipal. “Este programa axudará a mellorar a calidade e imaxe do servizo público prestado á cidadanía en xeral e, en particular, para cubrir as necesidades daqueles colectivos específicos que máis demandan os nosos servizos e que hoxe están aquí representados polas entidades que terán unha participación activa no programa”, explicou Fraga.

Identificacións non discriminatorias

“En definitiva do que se trata é de traballar directamente para que a Policía Local faga unhas identificacións tanto eficaces como efectivas, e poida ser formada tanto para previr delitos de odio como para xestionar o traballo cos colectivos diversos da cidade”, resumiu a concelleira de Igualdade ante os medios.

“O que pretendemos é mellorar o procedemento policial á hora de identificar, para que se localicen antes os e as posibles infratoras e non se moleste ás persoas que non incurriron en ningún delito. Queremos garantir que as identificacións que se fagan non teñan ningún sesgo discriminatorio, que non se identifique a ninguén simplemente por pertencer a un determinado colectivo”, explicou o voceiro da Plataforma pola Xestión Policial da Diversidade. “Pretendemos que a comunicación da Policía con colectivos migrantes, con diversidade sexual e sensorial ou de comunidades relixiosas distintas á maioritaria sexa igual de habitual que, por exemplo, a que se vén facendo dende hai anos coas asociacións veciñais”, engadiu.

Obxectivos

Segundo o protocolo de actuación asinado, os obxectivos deste programa son, entre outros, “incrementar o control da dirección da Policía Local sobre as identificacións realizadas polos seus compoñentes, establecer un procedemento interno que regule a actuación policial en materia de identificacións preventivas en lugares públicos, realizar unha análise periódica das identificacións preventivas realizadas, sensibilizar e formar na xestión das identificacións aos e ás compoñentes da Policía Local e potenciar o achegamento deste corpo de seguridade á sociedade diversa”.

En colaboración coa Plataforma pola Xestión Policial da Diversidade, o Concello elaborará e aprobará un manual de procedemento para a identificación policial eficaz, así como outro para establecer os procedementos para a atención policial ante delitos de odio e outros feitos discriminatorios. Tamén se organizarán accións formativas para mandos da Policía Local e se impulsarán procedimentos para garantir unha maior relación da policía co tecido representantivo da sociedade diversa da Coruña e levar unha análise estadística das identificacións levadas a cabo por este corpo municipal. A excepción dos gastos correspondentes ao persoal policial e administrativo do cadro de persoal do Concello, cuxa colaboración tamén será necesaria para a excepción do programa, o resto de gastos necesarios para a realización do PIPE serán asumidos directamente pola Plataforma pola Xestión Policial da Diversidade, coa subvención que lle aporta a entidade internacional Open Society Foundations.

A citada Plataforma está integrada polas seguintes asociacións: Unión Nacional de Xefes e Directivos de Policía Local (UNIJEPOL), Fundación Secretariado Xitano, RAIS Fundación, ACCEM, Plena Inclusión, Fundación CEPAIM, Federación Estatal de Lesbianas, Gays, Transexuais e Bisexuais (FELGTB), Movemento contra a Intolerancia, Red Acolle e a Asociación de Policías Gays e Lesbianas (GAYLESPOL). Como observadoras conta coa colaboración da Open Society Justice Iniciative e Amnistía Internacional.

A %d blogueros les gusta esto: