coruna 21/05/2020

O Concello informa: Lembramos que ata o vindeiro luns, 25 de maio, está prohibido tomar o sol na praia.

by Victor Lamela

Esther Fontán mantivo esta mañá unha reunión co persoal técnico municipal desta concellería e co director da Área de Seguridade Cidadá do Concello, Carlos García Touriñán, para establecer un protocolo de transición sobre o uso das praias na Coruña co comezo da Fase 2. Estas medidas, que se implementarán desde o 25 de maio ata o 15 de xuño, serán provisionais, mentres non se publique un protocolo definitivo coas instrucións do Ministerio de Sanidade e da Consellería de Sanidade.

O obxectivo, destacan desde a Concellería de Medio Ambiente, é non desmarcarse das medidas hixiénicas e de protección que se indican tanto desde o Ministerio como desde a Consellería de Sanidade.

As normas deste protocolo de transición para o uso das praias consistirán en:

– A Policía Local controlará de forma presencial a capacidade en todos os areais da cidade. No caso de que os/as axentes atopen unha praia cun número desmesurado de persoas, pecharase a entrada desta ata que se controle a situación. Haberá un posto principal na coiraza do Orzán, desde onde se xestionará a capacidade de todas as praias urbanas da cidade. Neste caso, os/as axentes empregarán as cámaras do Paseo Marítimo e a información das e dos axentes que van a pé para verificar que a capacidade é a correcta e que se poida garantir a distancia mínima de 2 metros.

– Haberá unha vía única para entrar e saír dos areais. Nas praias de Riazor e de Oza delimitaranse estas vías de acceso e saída cun balado perimetral co fin de evitar a proximidade entre as persoas.

– Estará prohibido usar as duchas das praias, pero poderanse utilizar os aseos.

– A caseta que habitualmente utilizaba Medio Ambiente para actividades de educación medioambiental será ocupada para informar as persoas usuarias das medidas de hixiene e control que o concello porá en marcha.

– O sistema tamén contará cunha aplicación que informará as usuarias e usuarios do estado da marea e da capacidade da praia en tempo real.

Lembramos que ata o vindeiro luns, 25 de maio, está prohibido tomar o sol na praia.

A %d blogueros les gusta esto: