Ayuntamiento 11th febrero 2019

O Concello inicia hoxe as obras de reurbanización na rúa Casares Quiroga, que mellorarán a conectividade na segunda fase de Elviña

by Victor Lamela

O Concello iniciará hoxe, a través do departamento de Rexeneración Urbana, as obras de reurbanización na rúa Casares Quiroga, un investimento decisivo para mellorar a conectividade e vertebración da segunda fase de Elviña. Cun orzamento de adxudicación de algo máis de 435.000 euros e un prazo de execución de seis meses, a actuación comprenderá a renovación do pavimento das calzadas de circulación e do aparcamento, a ampliación das beirarrúas existentes e a construción de dúas escaleiras de conexión coa rúa José Miñones Bernardez. “Esta é unha obra de carácter integral, que pretende conseguir un espazo urbano de maior calidade, mellorando a estética da zona, pero tamén as súas condicións de accesibilidade, eliminando barreiras e adaptando paradas de bus urbano, ademais de reordenar as áreas destinadas á circulación peonil, calzada e aparcamento”, salientou o concelleiro do ramo, Xiao Varela, quen destacou que, como vén sendo habitual, “aproveitaremos a obra para acometer melloras da rede de pluviais”. Tamén haberá un incremento do arborado na zona e se colocarán dispositivos de alumeado tipo LED máis eficientes, cos que se conseguirá unha redución de consumo eléctrico de case un 50% con respecto á actual.

A rúa Casares Quiroga contén unha das explanadas máis amplas do barrio, adicada, neste caso, a aparcamento. A intervención servirá non só para rehabilitar o firme, senón tamén para introducir melloras dende o punto de vista da naturalización da contorna. Nas prazas de estacionamento o actual pavimento de asfalto será mudado por unha celosía con céspede que “fará o espazo máis amable, pero, ademais, influirá na recuperación da humidade do subsolo, o que beneficiará o arborado existente e reducirá a carga sobre a rede de pluviais”. Por outra banda, o pavimento elixido nas zonas peonís ten características fotocatalíticas, de forma que as lousas que se colocarán contribuirán á eliminación de contaminantes da atmosfera. “Ademais, e dentro de todo o esforzo feito polo goberno local para que as intervencións en calquera barrio comporten, na medida do posible, un aumento de zonas verdes, a obra tamén servirá para aumentar a presenza de vexetación da mediana central que divide á explanada”, indicou Varela.

En xeral, a obra manterá a disposición actual sobre toda a área de actuación, tanto no que atinxe á circulación como ás prazas de aparcamento. Unicamente desprazarse á ubicación do acceso actual para o tráfico rodado, a fin de evitar as interferencias co cruce cara a rúa Xeneral Rubín. No afán por mellorar a mobilidade peonil tamén se habilitarán dúas escalinatas que permitirán unha conexión fácil e fluída coa rúa José Miñones Bernárdez.

A %d blogueros les gusta esto: