coruna 14th febrero 2019

O Concello inicia os traballos de conservación e mellora das sendas peonís da contorna da Torre de Hércules

by Victor Lamela

​A Concellería de Medio Ambiente inicia nesta xornada os traballos de restauración dos sendeiros da contorna da Torre de Hércules, unha intervención dirixida a recuperar e protexer da erosión aqueles camiños desgastados pola exposición ás condicións climatolóxicas, para a súa adecuación para o uso público. Os traballos incluirán a roza dalgún deses camiños, para reabrilos ao paso, a recuperación do pavimento de xabre granítico daqueles casos máis desgastados e, nas zonas nas que se produce acumulación de auga de choiva e a conseguinte erosión, realizaranse actuacións para facilitar a escorrentía. “A Torre de Hércules é un enclave de máximo interese, tanto desde o punto de vista patrimonial como tamén polo seu valor ambiental e polas posibilidades que ofrece á cidadanía como espazo de lecer e de ocio saudable, tendo en conta que a súa contorna é un dos principais redutos naturais cos que contamos na Coruña”, sinala a concelleira María García, quen vincula a actuación nos sendeiros á posta a punto deste lugar “para que a veciñanza poida usalo nas mellores condicións”.

O proxecto, que ten un orzamento de 73.085 euros, enmárcase nas accións desenvolvidas desde a área de Medio Ambiente na contorna da Torre, a comezar polo estudo dos hábitats e especies que poboan a contorna de Punta Herminia, “un dos espazos máis importantes da nosa cidade en canto a biodiversidade, tal como demostraron estes traballos de campo, que detectaron máis de 600 especies vexetais e animais”, expón a edil. Nese sentido, García lembra que o pleno municipal acordou en xuño de 2017 remitir á Xunta de Galicia a solicitude para a declaración da contorna da Torre como Espazo Natural de Interese Local (ENIL), unha declaración da que “descoñecemos o estado da tramitación, pola falta movementos, ou como mínimo de información, por parte da Consellería de Medio Ambiente, pasado xa un ano e medio desde a nosa solicitude e máis dun ano desde a remisión de toda a documentación”. “A contorna da Torre é, sen dúbida, un dos espazos máis significativos da Coruña desde o punto de vista ambiental e coa declaración de ENIL, o goberno local o que busca é blindalo para a súa conservación e posta a disposición da cidadanía”, recorda a concelleira, que reclama á Xunta que acelere os trámites dun procedemento “que non debería levar máis de tres meses”. Ao fío, a responsable municipal advirte de que a Xunta tampouco se pronunciou aínda sobre a declaración definitiva como ENIL das Illas de San Pedro, unha vez entregado, por parte do Concello, o plan de conservación necesario para completar este procedemento, “que a Xunta e a anterior corporación municipal deixaran caducar, e que corre o risco de volver caducar, o que suporía unha nova oportunidade perdida para a conservación dos nosos espazos naturais”. Como tamén fai notar a edil, os traballos para a conservación e mellora das sendas peonís que hoxe dan comezo estaban previstos para a primeira metade do ano pasado, se ben tiveron que atrasarse pola tramitación dos permisos requiridos ao departamento autonómico de Patrimonio.

Entre as intervencións desenvolvidas neste mandato desde o Concello para a adecuada xestión e conservación da natureza neste espazo cóntase tamén a adaptación do plan de sega, dirixido a evitar realizar estes labores nos meses de cría das aves que habitan en determinadas zonas arredor da Torre e que son, segundo salienta a concelleira, “especialmente valiosas”. Do mesmo xeito, a Concellería de Medio Ambiente impulsou os convenios para a custodia do territorio, coa agrupación naturalista Hábitat, para a eliminación de especies invasoras, e, igualmente, colocou sinalización para informar dos valores naturais desta contorna. “Coa reparación destes camiños, o Concello dá un paso máis na posta en valor dun enclave moi significativo da Coruña, de cara a que poida estar nas mellores condicións de cara á primavera”, apunta García.

A %d blogueros les gusta esto: