coruna 11/12/2015

O Concello inicia unha campaña con visitas a máis de 2.000 locais hostaleiros e comerciais para impulsar as boas prácticas na xestión dos residuos nestes dous “sectores clave”

by Victor Lamela

O Concello inicia unha campaña informativa e de sensibilización no comercio e a hostalería, con visitas a máis de 2.000 establecementos da cidade, para dar conta do reforzo da campaña de limpeza que se desenvolverá nos dous sectores durante o Nadal e para recoller suxestións e demandas de forma personalizada entre os e ás profesionais, na procura dunha optimización na xestión dos residuos. Este foi un dos temas que a concelleira de Medio Ambiente, María García, abordou nas dúas xuntanzas que mantivo na mañá deste xoves con representantes da hostalería –na que estiveron a Asociación Provincial de Hostalería e a Asociación de Hostaleiros da rúa Barrera– e o comercio –con representación das asociacións da Área Comercial das Conchiñas e a Zona Comercial Obelisco e da Federación Unión de Comercio Coruñesa–, e da que a responsable municipal destacou a boa disposición e interese dos participantes por unha mellor xestión ambiental en ambos os dous sectores. “Trátase de sectores clave, nos que a incidencia das boas prácticas é de especial relevancia para a cidade”, subliñou García, quen quixo destacar a “especial sensibilidade da concellería cara ás problemáticas destes ámbitos profesionais, que xeran emprego e son dinamizadores da economía local”.

unnamed

Nos encontros, a concelleira trasladou información concreta en relación cos plans municipais de recollida de residuos durante o Nadal, en especial, os de orixe orgánica, que o Concello iniciará o día 18 na zona centro, entre as rúas Juana de Vega e Capitán Troncoso, con dúas recollidas diarias (a nocturna e outra a mediodía) e tamén do reforzo na recollida de papel e cartón, que se levará a cabo nesas datas na zona centro e na contorna das rúas comerciais da Falperra, Ángel Senra, A Cubela e a rúa Barcelona de forma diaria (excepto festivos), con datos detallados dos puntos de acopio e os horarios máis axeitados para depositar os restos orgánicos e que estes permanezan o menor tempo posible nas rúas.

Como indicou a responsable municipal de Medio Ambiente, ademais da finalidade informativa, a campaña que mañá se inicia ten como obxectivo poder facer unha diagnose das potenciais melloras na xestión dos residuos e a sostibilidade, un traballo que o Concello quere facer “coa complicidade” dos sectores comerciais e hostaleiro.

A %d blogueros les gusta esto: