coruna 20/02/2021

O Concello instalará un carril 30 na rolda de Outeiro para eliminar a dobre fila e mellorar a seguridade viaria

by Victor Lamela

A alcaldesa anunciou que o Concello instalará un carril 30 na rolda de Outeiro co fin de “eliminar a dobre fila e mellorar a seguridade viaria” nesta arteria da cidade. A nova senda habilitarase no tramo comprendido entre a avenida do Exército e Peruleiro, en ambos os sentidos da circulación, e previsiblemente o vindeiro luns comezará a ser pintada. A sinalización vertical xa está instalada e nos próximos días establecerase a sinalización horizontal. A alcaldesa apuntou que, para combater a dobre fila, o Goberno local tamén reforzará a vixilancia policial na zona.

Rey asegurou que o Goberno local continúa con Coruña Cidade 30, “que xa é unha marca de cidade e grazas a ela conseguiuse calmar o tráfico en practicamente toda a cidade, permitiuse a convivencia de novas formas de mobilidade, mellorouse a eficiencia do transporte público e respéctase a cidadanía que camiña e que desfruta do espazo urbano en condicións de seguridade”, dixo. Con estas actuacións enmarcadas no devandito plan, sinalou a rexedora, “recuperamos 50.000 metros cadrados de espazo público que xa podemos transitar a pé, con novos carrís como o de corredores e ciclistas do Paseo Marítimo” e, apuntou, “coa premisa dun carril menos, unha beirarrúa máis, agora estendemos esta redución de velocidade a 30 quilómetros por hora na rolda de Outeiro”.

A %d blogueros les gusta esto: