coruna 30/06/2016

O Concello lembra que desde hoxe será preciso comunicar as churrascadas e sardiñadas que se queiran facer en espazos públicos con dez días de antelación

by Victor Lamela

A Concellería de Medio Ambiente lembra que a partir de hoxe e ata o 30 de setembro será necesario para todas aquelas persoas, colectivos ou comunidades que queiran realizar churrascadas, sardiñadas ou similares no espazo público da cidade comunicar esta actividade ao Concello (á área de Mobilidade Sostible) cun mínimo de dez días de antelación, así como cumprir o estipulado polo Goberno municipal para estas actividades no período estival. Así queda recollido no bando municipal feito público o pasado día 15, onde se establecen unha serie de medidas para a utilización dos espazos público no período estival, co obxectivo de preservar a seguridade, a limpeza e a tranquilidade pública e evitar riscos innecesarios ou molestias á veciñanza.

Tal e como fai constar a regulación municipal, o horario para realizar grellas ou simulares acotarase entre as 13.00 e as 16.00 e entre as 20.00 e as 24.00 horas; ao remate, o espazo deberá quedar limpo e nas debidas condicións e, durante a súa realización, deberanse seguir unha serie de normas, como deixar libres as beirarrúas para o tránsito peonil, deixar libre e sen cubrir a saída de fume da grella ou non empregar combustibles líquidos, acelerantes ou material pirotécnico para o lume. As comunicacións que se remitirán ao Concello sobre churrascadas, sardiñadas ou similares, deberán axuntar os datos persoais das persoas interesadas, ademais da localización exacta onde se quere realizar a parrillada e os teléfonos de dúas persoas maiores de idade, que serán as responsables da súa celebración.

Ademais, como medidas de precaución, o Concello establece unha distancia mínima de 10 metros de zonas forestais ou arboredo para realizar as grellas. De igual xeito, establécense como zonas de especial coidado o trazado completo do oleoducto, os campos e matogueiras da contarna da torre de Hércules, os xardíns de Méndez Núñez, o parque de Santa Margarita –agás excepcións–, a praza das Bárbaras e a praza da Fariña (Azcárraga). Nelas non se poderán realizar sardiñadas ou churrascadas.

O bando pódese descargarse na web municipal: http://ow.ly/bNZ9301KRGb

A %d blogueros les gusta esto: