coruna 26/10/2020

O Concello limpou e desinfectou máis de 680.000 metros cadrados de superficie na primeira fase do Plan de choque

by Victor Lamela

O Concello finalizou a primeira fase do Plan de choque da cidade en que limpou e desinfectou en profundidade máis de 680.000 metros cadrados de superficie. Os traballos, que foron realizados pola empresa TRAGSA e contaron cun orzamento de 256.000 euros, realizáronse nas seguintes zonas: Parrote-Mariña, rúas Barcelona-Agra do Orzán, Os Mallos, zona de

hostalaría desde María Pita ata Juana de Vega, Monte Alto, prazas de Vigo, Galicia, Ourense, Pontevedra, Lugo, rúa Mestre Mateo, Os Rosales, zona Riazor, Monelos, barrio das Flores, Matogrande, Os Castros, Xuxán e mais a Cidade Vella.

Un equipo de 24 persoas operarias, tres camións/baldeadoras, dúas varredoras, cinco vehículos lixeiros, dúas hidrolimpadoras e tres máquinas sopladoras percorreron a cidade durante este mes realizando diferentes tarefas como o varrido e os baldeos mecánicos, desinfeccións ou a retirada de lixo e malas herbas por

medios manuais, así como a limpeza de mobiliario urbano En todas estas zonas actuouse directamente sobre o pavimento de viais, escaleiras e beirarrúas.

A concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, manifestou a súa satisfacción polos resultados acadados con esta actuación “que permitiu facer un importante lavado de cara a unha boa parte da cidade”; unha actuación, apuntou, que non só foi necesaria pola precariedade de medios cos que a anterior empresa de limpeza traballaba, senón que resultou imprescindible debido á crise sanitaria que estamos vivindo.

Para a concelleira, este operativo serviu de punto de partida ao traballo diario que a nova empresa de limpeza está realizando. Ademais, quixo resaltar que o convenio que lle permitiu a realización desta primeira fase do Plan de choque non se esgotou nesta actuación, senón que segue aberto para o momento en que, por circunstancias derivadas da pandemia ou por calquera outra relevante para a salubridade e a estética da cidade, sexa preciso programar unha nova posta en escena complementaria aos labores de limpeza que xa vén realizando a nova adxudicataria do servizo.

Doutra banda, a concelleira aproveitou a finalización destes traballos para lle agradecer á veciñanza a súa colaboración nas tarefas de mantemento da cidade.

A %d blogueros les gusta esto: