coruna 21st junio 2018

O Concello manterá o actual contrato de limpeza viaria “para garantir a prestación dun servizo esencial por razóns de saúde pública” ata que se resolva a nova licitación

by Victor Lamela

​O Concello acorda a continuidade do actual contrato do servizo de limpeza viaria ata que se complete o proceso de licitación a unha nova empresa adxudicataria. A Xunta do Goberno local extraordinaria prevista para o vindeiro venres abordará esta proposta presentada pola Concellería de Medio Ambiente, que apela ao interese xeral da prestación dun servizo “obrigatorio e esencial para garantir a protección da saúde pública e do medio ambiente”. A edil responsable do departamento, María García, explica que “o Concello dará continuidade ao actual servizo, nas mesmas condicións que ata o momento, solo polo tempo imprescindible mentres non se incorpore ao servizo a nova adxudicataria”. Medio Ambiente está traballando na redacción dos novos pregos, nos que se introducirán melloras para levar a cabo unha xestión máis sostible e que atenda demandas da veciñanza.

O Goberno local toma esta decisión, avalada pola Asesoría Xurídica municipal, en virtude dunha “razón imperiosa de interese xeral” e tras avaliar a proporcionalidade da medida, que se considera xustificada polo seu carácter temporal e porque non existe unha maneira menos restritiva para garantir a prestación do servizo, ao non ser posible debido ao prezo do contrato, a realización dun contrato que exerza de ponte entre ambas licitacións. “Esta opción é tamén a que máis garantías ofrece ao cadro de persoal, xa que establece un marco estable de seguridade xurídica para todas as partes que permite ao Goberno local manter o control á concesionaria e ofrecer estabilidade aos e ás traballadoras de cara á continuidade do seu posto e condicións laborais”, indica García.

O departamento de Medio Ambiente está a piques de finalizar a redacción dos pregos do próximo proceso de licitación do servizo, que se farán públicos nas próximas semanas. Estas bases terán un período de consulta pública, “un proceso pioneiro no Estado para este tipo de contratos e que tamén se seguiu na adxudicación do servizo de recollida de residuos”. Os novos pregos, que definirán un dos servizos máis grandes por investimento que debe xestionar o Concello, introducirán melloras no contrato para unha xestión máis sostible do servizo, que atenda demandas de veciñanza e dea prioridade ás garantías laborais do persoal. “Este é o momento de repensar o servizo e axustar as súas bases á realidade urbana, aos cambios que se produciron nos últimos anos e á construír un modelo máis sostible e eficiente”, explica García. Así, avanza que os pregos recollerán a limpeza con auga de todos os barrios da cidade, “un aspecto que non está contemplado no actual contrato e que se tentou corrixir con reforzos no verán e co programa intensivo ​A pé de barrio, iniciativa á que se lle dará continuidade dentro do contrato”. Estas novas bases tamén suporán unha mellora na limpeza das zonas verdes, a introdución de maquinaria máis eficiente, que reduza as emisións e os ruídos, e e a incorporación de todas as zonas do municipio a este servizo. “Hai barrios que non contaban mais que con asistencia esporádica da limpeza viaria porque non existían cando se asinou esta xestión”, apunta.

A %d blogueros les gusta esto: