coruna 24/11/2016

O Concello outorga subvencións por valor de 120.000 euros a sete entidades sen ánimo de lucro nun pioneiro programa de cooperación internacional

by Victor Lamela

A Concellería de Xustiza Social vén de resolver a convocatoria de subvencións que abriu este ano co obxectivo de dotar a entidades sen ánimo de lucro de axudas coas que afrontar “actividades de cooperación internacional que persiguen un interese social e humanitario no exterior”. Así, o departamento dirixido por Silvia Cameán acaba de outorgar, en base aos requirimentos esixidos e ao número de entidades presentadas, 120.000 euros a sete organizacións sen ánimo de lucro radicadas no Concello, entre as que se atopan Ecodesarrollo Gaia, Miradas al Mundo, Solidariedade Internacional de Galicia, Semilla para el cambio, Arquitectura sen Fronteiras, Asociación Colaboración e Esforzo e Asemblea de Cooperación pola Paz. Con esta pioneira liña de subvencións, o Concello coruñés recuperaba as actuacións municipais específicamente destinadas á colaboración internacional. “Temos claro que a cidadanía da Coruña non só é acolledora, como puidemos ver en todo o proceso que se vive no tema das persoas refuxiadas, senón tamén notoriamente solidaria, por iso cremos na necesidade de recuperar esta liña de axudas e darlle un novo pulo”, explicou a concelleira Cameán.

Á convocatoria pública estaba destinada a subvencionar actividades de cooperación internacional que se desenvolvesen ao longo de 2016. A concelleira destacou que os proxectos seleccionados “contemplan no seu deseño e execución, prioridades relativas á loita contra a pobreza, a equidade de xénero, a defensa da sustentabilidade ambiental e o respecto aos dereitos humanos e á interculturalidade”. “Pretendemos poñer en valor os dereitos humanos, a xustiza social e a igualdade, porque entendemos que estas axudas son importantes pasos de avance na loita contra as desigualdades que desenvolve unha cidade integradora e solidaria como a nosa”, dixo.

Entre os proxectos que foron obxecto de subvención atópanse o desenvolvemento dunha escola sostible en Senegal, programas de mellora da nutrición en Guinea Bissau, actividades para mulleres, xuventude e vítimas da guerra no norte de Nicaragua, un programa educativo para nenos e nenas dos slums de Varanasi, accións estratéxicas para mellorar a calidade de vida das áreas máis vulnerables de Champerico, en Guatemala, o mantemento dun centro infantil en Honduras ou a restitución de terras a mulleres de Antioquía que sufriron desprazamentos forzados.

A %d blogueros les gusta esto: