coruna 25/09/2020

O Concello pechará San Andrés ao tráfico o primeiro sábado de cada mes

by Victor Lamela

A alcaldesa, Inés Rey, anunciou nun programa radiofónico local que a rúa San Andrés se pechará ao tráfico o primeiro sábado de cada mes pola tarde. Deste xeito, o vindeiro sábado, 3 de outubro, será o primeiro de moitos en que a veciñanza poderá desfrutar desta vía.

Tal e como fixeron no Día sen Coches que se celebrou o pasado martes con motivo da Semana Europea da Mobilidade, os comercios e a hostalaría poderán abrir as súas portas á rúa e desfrutar dunha das arterias da cidade. Desde a Concellería de Urbanismo, Infraestruturas e Mobilidade, explican que, durante a tarde do pasado martes, non se rexistrou ningún problema de mobilidade na contorna da rúa San Andrés, máis alá do aumento normal de tráfico nas vías alternativas a esta.

Rey asegura que o obxectivo desta medida é “reactivar o comercio e a recuperar as rúas para a cidadanía” e sinala que durante o Día sen Coches “as e os comerciantes trasladáronnos a súa satisfacción con esta decisión e pedíronnos que non quedase nun feito puntual”.

A alcaldesa tamén anunciou que están estudando a posibilidade de que esta medida se estenda a algún domingo e, dese xeito, poder ligalo co Mercado Ecolóxico do Campo da Leña.

Esta peonalización provisional de San Andrés, que se realizará unha vez ao mes, servirá como precedente ao proxecto do Goberno local de reurbanizar esta vía, que xa foi pola veciñanza e polas/os comerciantes da zona, e cos que se consensuará a súa execución. Desde a concellería que dirixe Juan Díaz Villoslada, sinalan que grazas a este proxecto, que se atopa pendente dos últimos trámites antes da súa licitación, “haberá máis espazo para as persoas e introduciranse arboredo e mobiliario urbano na rúa”.

A %d blogueros les gusta esto: