coruna 04/07/2015

O Concello pide á cidadanía precaución nas praias ante a maior afluencia

by Victor Lamela

As boas temperaturas que rexistra A Coruña dende hai máis dun mes, ademais da celebración da festividade do San Xoán, que encheu os areais coruñeses, provocou unha maior afluencia de usuarios ás praias da cidade.

O maior número de persoas traduciuse, entre outros factores, en maior número tamén de incidencias rexistradas polos efectivos de seguridade. O Concello prega á cidadanía maior precaución nos areais ante a maior afluencia de usuarios.

Segundo os datos que manexa o Concello, o pasado mes de xuño rexistráronse 189 incidencias nas praias de Riazor, Orzán, As Lapas, San Amaro e Oza. No mesmo período do ano pasado, a suma foi máis reducida: 114.

As incidencias que máis aumentaron foron as referidas a cortes (57) e abrasións non solares (48), así como pinchazos con obxectos punzantes (13), picaduras de insectos (10) e de escarapote (9). Ademais contabilizáronse seis rescates.

Oza foi o areal que rexistrou maior número de incidencias (48), seguido de Riazor (44), Orzán (37), San Amaro (26) e Lapas (16).

 

Non obstante, e a pesar da petición á veciñanza para que aumente a precaución durante este verán, o Concello recorda que, na actualidade, hai cerca de sesenta profesionais do servizo de salvamento e socorrismo que velan pola seguridade das persoas que se achegan até as praias.

No dispositivo empregado polo Concello atópanse socorristas, diplomados en enfermería, médicos, coordinadores de todo o operativo e responsables de loxística.

A %d blogueros les gusta esto: