coruna 01/07/2016

O Concello pón en marcha ‘Coruña en forma’, un programa que leva a actividade física “saudable, sosegada, aberta e non competitiva” a 11 espazos “no convencionais” da cidade durante os meses de verán

by Victor Lamela

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou este xoves Coruña en forma,“unha nova actividade municipal da área de Deportes que é tamén unha declaración de intencións”, encamiñada a fomentar durante os meses de verán a práctica do exercicio físico nun circuíto de 11 espazos públicos abertos repartidos por toda a cidade, como son a contorna da Torre, o miradoiro do Matadoiro, a praia de Riazor, os parques de San pedro e de Santa Margarita, o parque de Oza e o de Novo mesoiro, Os Rosales, a rúa Luíz Díaz González, a Sagrada Familia e o parque de San Diego. “Propoñemos outro concepto da práctica deportiva, que sexa serena, saudable, sosegada, aberta e constante e non competitiva, máis asociada á pedagoxía, e que, mais alá da práctica espontánea, permita un maior coñecemento, a través de monitores e especialistas”, incidiu o concelleiro, quen destacou que o obxectivo pasa por aproveitar de forma eficiente eses espazos deportivos non convenionais para o desenvolvemento de actividades físicas, deportivas e recreativas, aproximando a práctica da actividade físico­deportiva a toda a cidadanía e, igualmente, por “facilitar varios modelos, desde a práctica libre e espontánea á máis organizada.Como tamén sinalou durante a presentación, o programa e gratuíto e non precisa inscrición previa, e “vén precedido dun estudo por barrios e por franxas de idade para adaptala ás necesidades da cidade”.

unnamed

A proposta, que se desenvolverá a partir do vindeiro día 4 de xullo e ata o 30 de setembro, é, segundo remarcou Sande, unha “experiencia pioneira para este Concello e tamén piloto, porque permite unha prolongación da actividade das Escolas Deportivas Municipais en espazos non convencionais, que entra en conexión con principios que defendemos desde este Goberno local, optimizando os recursos cos que conta a cidade, como os naturais, os parques recreativos, paseos e elementos urbanos públicos e aqueles que facilitan o desenvolvemento da práctica deportiva”. Neste sentido, o responsable municipal indicou que a actividade vai dirixida a toda a cidadanía pero presta especial atención ás persoas maiores, “unha franxa de idade que, ata agora, viña estando máis desatendida, e que compón a maioría dos e das usuarias das Escolas Deportivas, polo que se atopan con ese oco durante o verán”.

Coruña en Forma conta, como, informou o concelleiro de Deportes, con tres programas, o primeiro dos cales inclúe as Actividades Dirixidas, con monitores, que se celebrarán en Riazor, Oza, as Lapas e a zona do Matadoiro e o Parque Europa, e que inclúen tai chi, aerobic, ximnasia aeróbica e pilates. O circuíto chega tamén aos Parques Biosaludables de Santa Margarita, parque de Oza, San Diego, a Sagrada Familia, Os Rosales, e Luís Díaz González, que terán dinamización de luns a venres (agás os mércores) en horario de 12.30 a 13.30 horas. Por último, as actividades de Lecer Activo desenvolveranse durantes os sábados e domingos de xullo a setembro na contorna da Torre, Riazor, o monte de San Pedro, o Portiño e o parque de Novo Mesoiro con tres opcións: ‘Andainas’, ‘Divírtete co teu can’ e ‘Papaventos’.

O concelleiro salientou tamén que este programa municipal desenvólvese coa colaboración de Horno Sanbrandán, da que o concelleiro destacou a súa condición de “empresa comunitaria, coruñesa, familiar, arraigada e descentralizada”. A este respecto, o seu coordinador de tendas e responsable do márketing no relativo á práctica deportiva saudable, Fernando Buendía, subliñou a “importancia do deporte para a xente e a sociedade” e aposta de Horno Sanbrandán por colaborar desde hai anos en accións que “que van nesa liña: nos que participe todo o mundo, xente maior e rapaces, que non sexa competitivo e que estea repartido por toda a cidade”. Como apuntou, as tendas que a empresa ten repartidas “por todos os barrios da cidade” funcionarán “como elemento comunicador do programa” e tamén participará a través do merchandising para o deporte e cun programa de puntos con premios para as persoas que participen nas actividades.

A %d blogueros les gusta esto: