coruna 13/12/2015

O Concello pon en marcha este luns un plan especial de tráfico para facilitar a mobilidade de coches e peóns e mellorar a fluidez dos buses durante o Nadal

by Victor Lamela

A Concellería de Mobilidade Sostible porá en marcha mañá luns, día 14, o plan especial de tráfico de Nadal, que ten como principal obxectivo favorecer a mobilidade de peóns e vehículos e mellorar a fluidez do transporte público nestas datas, evitando a parada e estacionamento de automóbiles en dobre ringleira. A este fin, o dispositivo contempla un reforzo policial en puntos como a avenida da Vedra e as vías prioritarias vixiladas e presencia continuada de axentes nas principais zonas comerciais da cidade e as súas vías de acceso como son o Obelisco e praza de Mina, praza de Ourense, rúa Barcelona ou Ramón y Cajal e Alcalde Marchesi, durante as horas de maior concorrencia. Así mesmo, a Policía municipal prestará servizo na glorieta da AC­552 baixo a AV­14 (accesos a Marineda City) para regular a entrada e saída de vehículos ao centro comercial, e vixilará a glorieta de Eduardo Diz durante a tarde.

“A Policía Local contará con todos os seus efectivos para dar soporte, tanto ao plan de tráfico como ao dispositivo de seguridade do Nadal”, sinala o concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, quen resalta a “recomendación absoluta, por parte do Goberno local, de uso do transporte público, co fin de evitar perdas de tempo na busca dun aparcadoiro e unha menor emisión de gases contaminantes dos vehículos”. O responsable municipal indica tamén que entre as finalidades desta campaña está a de informar á cidadanía das mellores alternativas, tanto para circular como para atopar estacionamentos.

O plan, que estará operativo desde mañá e ata o 9 de xaneiro, incluirá un control itinerante dos casos de condución baixo a influencia alcólica, drogas e de infraccións dinámicas, especialmente as relacionadas cos peóns, e establecerá dispositivos de Nadal específicos para o día 31 de decembro, pola San Silvestre, e o 5 de xaneiro, para a Cabalgata de Reis. Ademais, contempla a paralización das obras que repercutan sobre zonas conflitivas, salvo traballos de emerxencia.

A %d blogueros les gusta esto: