coruna 09/12/2015

O Concello pon en marcha un plan para optimizar o aparcamento na Cidade Vella ante a intención de Defensa de “facer negocio coas súas parcelas sen pensar na veciñanza”

by Victor Lamela

A Concellería de Mobilidade Sostible traballa na busca de alternativas “á inminente decisión do Ministerio de Defensa de poñer un valado en tres das parcelas que posúe na Cidade Vella e que a veciñanza, de forma habitual, usaba como zonas de aparcamento”. Segundo explica o titular desta área do Goberno local, Daniel Díaz Grandío, “o Concello xa puxo en marcha un plan de optimización de zonas de parking próximas ás que o Goberno central pecha á cidadanía, para poder minimizar o impacto desta medida”. O plan do Goberno local contempla a creación de preto de 155 prazas de estacionamento, que servirán para compensar e incluso incrementar o espazo para vehículos, despois da redución que implica a decisión de Defensa. Ademais, o Concello xa amosou ao Ministerio a súa disposición a adquirir os terreos, “para devolverllos á cidade”.

O concelleiro de Mobilidade Sostible explica que Defensa cedeu o uso desas parcelas ao Concello en base a un convenio que data de 2009 e que, nun principio, tiña duración por un ano. “Non obstante, ese acordo indica que o Ministerio pode romper o citado convenio de forma unilateral”, recorda. “Desta forma, o Goberno central parece disposto a facer negocio cuns terreos especialmente apetecibles, a costa, neste caso, dos intereses dos veciños e veciñas da Coruña”, indica o edil.

Non obstante, e co obxectivo de minimizar o impacto que tería na veciñanza desta zona a decisión de Defensa, o Concello da Coruña vén de poñer en marcha un plan de optimización de aparcamentos na Cidade Vella que contempla actuacións nas zonas do Instituto Oceanográfico, rúa da Maestranza e no Paseo Marítimo. Nestes lugares, a Administración Local ten contabilizadas preto de 132 prazas de aparcadoiro. Coas medidas de optimización, xeraranse 155 máis, ata chegar ás 287 –que servirán para compensar e superar as preto de 220 prazas que a veciñanza perderá co valado posto polo Ministerio–.

En concreto, o plan da Concellería de Mobilidade Sostible pretende xerar 44 aparcamentos adicionais na rúa da Maestranza, 44 no aparcadoiro do Oceanográfico e 67 no Paseo Marítimo.

A %d blogueros les gusta esto: