coruna 17/05/2016

O Concello porá este martes en marcha un dispositivo especial de tráfico na zona do Paseo Marítimo pola X edición do Tríatlon de Riazor

by Victor Lamela

O Concello ten previsto poñer este martes, 17 de maio, un dispositivo especial de tráfico por mor da X edición do Tríatlon de Riazor, que comenzará ás 10.00 horas da mañá e que congregará a 330 deportistas nas distintas probas que se celebrarán arredor do Paseo Marítimo. A competición, organizada polo Club Tríatlon Coruña coa colaboración do Concello, terá a súa saída, meta e zona de transición na zona da praia de Riazor, xunto ás Esclavas. O primeiro segmento da proba será nas augas da mesma praia, mentres que o segundo tramo, que as e os atletas percorrerán en bicicleta, transcorrerá desde a glorieta do Millenium ata a glorieta do cruzamento da Avenida Barrié de la Maza con Curros Enríquez. O último segmento do X Tríatlon Riazor será a carreira a pé, e celebrarase polas avenidas de San Roque de Afora e Gerardo Porto.

O dispositivo especial de tráfico posto en marcha pola área de Seguridade do Concello comezará ás 09.30 horas, tendo en conta que ás 10.00 se iniciará a proba ciclista. Nese momento quedará totalmente pechado ao tráfico o Paseo Marítimo, concretamente o espazo entre a glorieta do Millenium (que quedará inhabilitada para o tráfico en xeral) e a glorieta de Curros Enríquez que si será empregada para a regulación de vehículos. A previsión é que a nova regulación especial de tráfico remate en torno ás 14.30 horas da tarde. Manteranse as conexións da Avda. de Buenos Aires cara Calvo Sotelo e Rubine; así coma as da rúa Alta coa rúa Socorro, e da rúa Sol con Hospital. Nos disintos pasos peonís do Paseo, situarase persoal da organización e membros da Policía Local para permitir o tránsito seguro da veciñanza durante as probas de ciclismo e carreira a pé. A carreira pedestre comprendida dentro do Tríatlon discorre por zonas peonís e habilitadas para o paseo entre o Playa Club e a glorieta do Millenium polo que, no seu caso, non terá incidencia na circulación, xa afectada polo trazado do segmento de ciclismo.

Limitación de estacionamento

De cara a facilitar a seguridade da proba, o percorrido polo que discorre deberá estar libre de vehículos, polo que se ubicarán sinais de prohibición de estacionamento a partir das 00.00 horas do 17 de maio. En xeral, quedará limitado todo o estacionamento que hai no Paseo Marítimo entre a glorieta do Millenium e a fonte dos Surfistas.

Transporte público

Por outra banda, as liñas de transporte público urbano cuxo percorrido inclúa o Paseo Marítimo ­3, 3A, 4, 5, 6, 7 e 11­ tamén modificarán o seu itinerario habitual nos distintos tramos afectados pola celebración da proba.

As liñas 3, 3A e 7, desde a Avenida da Habana, circularán por Calvo Sotelo, Alfredo Vicenti e Praza de Pontevedra, onde as liñas 3 e 7 recuperarán o seu su itinerario habitual; mentres que a 3A continuará polas rúas San Andrés e Sol. Ata a finalización da proba, continuará o seu percorrido por Hospital, Praza de España, Orillamar e Manuel García Canzobre ata Adormideras. A liña 3 tamén sufrirá modificacións no sentido Adormideras ­ Praza de Pontevedra polo que, desde a glorieta das Lagoas, circulará pola Avenida de Hércules, Torre, Praza de España, Panaderas, San Andrés e Praza de Pontevedra, onde recuperará o seu itinerario.

As celebración da proba tamén obrigará as liñas 4, 6, 6A e 11 a mudar o seu percorrido, que desde a Praza de Pontevedra continuarán pola rúa San Andrés e Sol. Na rúa Hospital, as liñas 4, 6 e 6A retomarán o itinerario, mentres que a liña 11, continuará por Hospital, Praza de España, Avenida de Navarra e Ronda de Monte Alto ata a glorieta das Lagoas, onde recuperará o percorrido habitual.

Ademais os taxis que se atopan habitualmente na parada de Paseo de Ronda (zona das Esclavas) pasarán á parada de bus de Manuel Murguía.

A %d blogueros les gusta esto: