coruna 24/11/2016

O Concello reclama a Xunta a modificación do convenio con Ecoembes de cara a garantir o mantemento dos ingresos pola recuperación de envases “para non penalizar o esforzo colectivo que se fai desde a cidade”

by Victor Lamela

A concelleira de Medio Ambiente, María García, alertou da “inseguridade” que xera nos concellos o convenio que a Xunta prevé asinar coa asociación Ecoembes –aglutinadora das empresas envasadoras de produtos a nivel estatal– en relación coa recuperación deste tipo de residuos, “un convenio que entendemos que pode prexudicar ao financiamento da xestión de residuos –sinalou– xa que non garante a nivel xurídico que se manteñan os ingresos”. No caso da planta de Nostián, o ingreso anual pola reciclaxe de envases ascende a máis de 7,8 millóns de euros que, como alertou, podería sufrir recortes dun 15%, en función da proposta de Ecoembes para o novo convenio, en relación á redución do pagamento por tonelada de envases recuperada. “A Xunta debe deixar de afogar ao Concello da Coruña e debe defender os intereses das administracións locais, sexan do partido que sexan”, reclamou a responsable municipal, que estivo acompañada na súa comparecencia pública polos alcaldes de Oleiros, Ángel García Seoane, Cambre, Óscar García Patiño, e Sada, Benito Portela –todos eles membros do Consorcio das Mariñas–, e quen recordou que a poboación correspondente á cidade da Coruña e dos concellos do Consorcio –que xestionan os seus residuos na planta de Nostián–, está recuperando o 30,43% dos envases a nivel autonómico pese a supoñer o 15,08% da poboación de Galicia. “Estamos moi por riba da media, e moi por riba tamén da recuperación que fai Sogama”, subliñou.

“Entendemos que, de concretarse este convenio, se estarán penalizando as melloras que están tendo lugar na Coruña, onde, este ano, grazas ao traballo da veciñanza e do persoal da planta de Nostián, vaise mellorar a porcentaxe de recuperación de envases”, aludindo a unha previsión baseada na recuperación entre os meses de xaneiro e outubro dun aumento do 17% na recuperación de envases e papel cartón, e dun 22,8% na recuperación estrictamente de envases. “Pero este esforzo colectivo que se está realizando por parte da cidadanía desde as súas casas, e tamén desde os Concellos e na planta de Nostián, vía separación, penalízase, en lugar de premiarse e de incentivarse a recollida selectiva”, censurou a responsable municipal. Como recordou, a diminución de ingresos por recuperación de envases “vai en contra das correntes europeas, que establecen un principio clarísimo, como é que quen contamina paga, e desde onde cada vez se están marcando obxectivos máis ambiciosos en canto a reciclaxe, e pedindo máis esforzos ás entidades locais, sen que as adminnstracións central e autonómica estean axudando como deberían”. “Ecoembes ten que responder polos custos dos envases que pon no mercado, cando se convirten en residuos, tal e como está recollido na Lei de Envases. E a Xunta ten que colaborar cos concellos e ten que estar aí para defender os dereitos das administracións fronte os das empresas e os lobbies”, reclamou, demandando tamén unha mellora da comunicación co Goberno galego, “tal e como dicta o respecto institucional”.

Alegacións

Como fixo público a concelleira, tanto o Concello da Coruña como o Consorcio veñen de presentar de forma unitaria alegacións ao convenio que negocian, sen a intervención dos entes locais, a Xunta e a asociación Ecoembes, para garantir que “nin os concellos nin a veciñanza se vexan prexudicados”. “Nelas reclamamos que os investimentos que prevé a Xunta na planta de Nostián requiran o visto bó do Concello, que é o titular da planta”, incidiu García, en relación aos investimentos que recolle o protocolo, que recolle certos investimentos que permitan incrementar o número de toneladas de envases recuperados, e que, segundo a Consellería de Medio Ambiente, servirían para compensar a baixada de ingresos polo 15% de redución por tonelada que plantexa Ecoembes.

As alegacións pretenden emendar tamén a cláusula de garantías “que pretende compensar o descenso de ingresos, pero que só garante o mantemento deses ingresos unha vez finalizadas as obras na planta, que se fan a través deses investimentos previstos pola Xunta”. “Deste xeito, se as obras sofren atrasos, podemos pasar un período transitorio no que se dea esa baixada do 15% dos ingresos e sen ningún tipo de compensación, o que significa 1,2 millóns de euros nun ano”, alertou a concelleira.

Igualmente, García aludiu á alegación que se presenta contra outra cláusula que se introduce no convenio en relación cunha posible redución dos ingresos en función da porcentaxe de materia orgánica non separada e que se deposita no contedor de materia inorgánica –residuos impropios–. “Esta cláusula crea incertidume e necesidade de intepretación, ao apuntar que se pode reducir o pago por envases en función da cantidade de ‘impropios’, de xeito que se temos unha cantidade de materia orgánica do 35% poderíase diminuir o pago no 35%, algo que resulta perigoso, xa que o descenso de ingresos sería aínda peor que o que planteabamos inicialmente”. “Queremos que se elimine esa cláusula que correlaciona o pagamento á cantidade de impropios nos contedores, e así llo pedimos vehementemente á Xunta, pois incurre nun vicio de legalidade. Se realmente a administración autonómica quere colaborar cos concellos para mellorar a separacion selectiva en orixe, consideramos que o camiño é ceder recursos aos consistorios para aumentar as campañas de comunicación e sensibilización, totalmente necesarias para avanzar nese camiño, e non a penalización económica dos residuos que se recuperan co esforzo da cidadanía”, afirmou. “ O único que lle ten que importar a Ecoembes é a cantidade de envases que recuperamos e lle devolvemos, e se se cumplen as especificaciones técnicas que eles marcan, tal e como se especifica na Lei de Envases. Por todo isto, entendemos que Ecoembes, atendendo á Lei, ten que colaborar nese pago e asumir os envases despois do seu tratamento na planta”, remarcou.

A %d blogueros les gusta esto: