Ayuntamiento 4th diciembre 2018

O Concello reforza as medidas de prevención e pon en marcha un plan urxente de actuación tras detectar a Concellería de Medio Ambiente seis casos de picudo vermello

by Victor Lamela

A concelleira de Medio Ambiente, María García, compareceu para dar conta do reforzo das medidas de prevención e o protocolo de actuación urxente que se poñen en marcha no municipio tras detectar o Concello seis casos de afección polo escaravello do picudo vermello en palmeiras da cidade. “É unha mala noticia porque se trata dunha praga devastadora e resistente que ataca as palmeiras ata que produce a súa morte. Vemos a súa chegada con preocupación porque A Coruña conta, nos xardíns de Méndez Núñez, co único conxunto de palmeiras protexido de Galicia, no que xa iniciamos hai meses medidas de protección ante o avance do picudo vermello”, lamentou García. A edil manifestou que coa detección destes casos –un en terreo público en San Lucía, tres en Eirís, un na Cabana e outra en Cidade Xardín– o Concello activa o plan de acción previsto que consiste na intensificación das medidas de prevención, tanto nas palmeiras en terreos públicos como en privados, que xa se viñan aplicando e a actuación de urxencia para atallar a praga nos exemplares que se confirme a presenza do picudo vermello. Así, García explicou que a palmeira en espazo municipal na que se detectou o picudo vermello vai ser talada en cando deixe de chover e que, no caso dos exemplares situados en fincas privadas, o Concello vai tomar a iniciativa e actuar tamén grazas a acordos coas persoas propietarias.

“Temos unha dificultade engadida para actuar derivada de decisións que veñen da Xunta de Galicia. Pasou desapercibido que dende o 1 de outubro o picudo está desregularizado como praga e a aplicación da corentena correspondente. Unha decisión que implica que os propietarios privados xa non están obrigados nin a tratar a praga nin a aceptar as ordes que se lle dean dende a administración competente, que é a Xunta de Galicia, para frear este avance”, afirmou a concelleira quen considerou a decisión como “desafortunada” porque “deixa expostos, en estado de vulnerabilidade, aos concellos ante o avance dunha praga que ata o de agora non estaba na Coruña”. Neste sentido, García considerou que, “pese a que esta decisión dificulta a actuación do Concello”, o Goberno local da Coruña vai a chegar a acordos cos propietarios e propietarias “porque esta praga non se frea só actuando nas fincas de titularidade pública”.

O escaravello do picudo, un insecto procedente de Asia que chegou á Península hai xa 25 anos, é moi daniño para as palmeiras, en especial das especies canaria e datilera, xa que ataca ao interior da árbore e cando esta comeza a dar síntomas externos o seu estado de deterioro xa é moi avanzado. “O máis evidente é que comeza a sufrir o penacho da palmeira, que comeza a decaer, as follas vólvense amarelas e murchas e despréndense con facilidade”, explicou García, que sinalou tamén que o escaravello “ten gran facilidade de desprazamento porque voa ata cinco quilómetros”.

Plan de acción

A concelleira incidiu en que o plan de acción previsto pretende intensificar as medidas de prevención, para o que se está a realizar un inventario de palmeiras privadas que complete o inventario do que xa dispón o Concello sobre o arborado municipal. Este censo permitirá facer unha mellor vixilancia e control dos exemplares, tanto dende a base, de maneira periódica e cunha frecuencia elevada, como dende a parte máis elevada, o penacho, onde se poden ver de maneira máis clara os síntomas. No caso de que se detecte unha posible afectación, establecerase un perímetro de control da palmeira, procederase á súa fumigación e se definirán as medidas de actuación que poden ser correctivas, nas que se elimina unha parte da palmeira afectada, ou optar pola tala cando a afección ou o risco de propagación é maior.

“Non queremos actuar só en casos de afectación senón tamén insistir nas medidas preventivas en palmeiras sas. Por iso, estamos a facer un tratamento integrado, que combina a loita biolóxica con nematodos que atacan ao picudo co uso dos insecticidas que maior eficacia poden ter contra este escaravello”, explicou a responsable municipal. O plan de acción do Concello contempla tamén a coordinación con outros concellos da área metropolitana, “xa que sabemos que a entrada se está límites da Coruña con outros municipios”. García avanzou que se vai convocar aos concellos da contorna para levar a cabo medidas de acción e protocolos conxuntos, así como para garantir a formación precisa dos e das traballadoras que leven a cabo os tratamentos.

A concelleira explicou que Medio Ambiente leva a cabo unha especial vixilancia, dende hai meses, nas palmeiras con maior valor histórico e ambiental da cidade, as situadas na Rosaleda, Cidade Vella e os xardíns de Méndez Núñez –que están incluídas no catálogo de árbores senlleiras da Xunta– onde se contan exemplares con máis de 100 anos. No mes de xullo instaláronse en 75 destes exemplares un sistema tecnolóxico, un sismógrafo, que permite detectar nos seus primeiros estadios as infeccións da praga debido á vibración que produce o picudo nas fases iniciais de afección. Este sistema preventivo, no que se investiron 23.000 euros, completarase agora con aplicación inmediata do nematodo así como a aplicación de insecticidas por endoterapia, un sistema que o introduce directamente na savia da árbore.

A concelleira fixo patente a complexidade que entrañan os procesos de tratamento e eliminación das árbores afectadas, para que estes sexan efectivos e eviten a dispersión da praga, motivo polo cal, indicou, é preciso que a administración sexa a que actúe tanto nos casos localizados en fincas públicas como en privadas. “Unha das dificultades é o uso de fitosanitarios pero tamén a eliminación, xa que se recomenda a a trituración en gran moi pequeno e o seu enterramento en profundidade. Son medidas que teñen a súa dificultade e por iso cremos que debe ser persoal cualificado quen realice estes traballos e será o Concello o que propoña actuar tamén en parcelas privadas”, incidiu.

A %d blogueros les gusta esto: