Conciertos 14/09/2020

O Concello saca a cultura ás rúas con máis de 100 espectáculos en todos os barrios para apoiar o sector e reactivar a economía local

by Victor Lamela

A alcaldesa, Inés Rey, acompañada do concelleiro de Economía e Facenda, José Manuel Lage, do actor Xosé Antonio Touriñán, do cociñeiro Luis Veira e da praceira Dori Rocha, presentou esta mañá no Teatro Rosalía a programación de actividades culturais do Plan de reactivación económica, social e cultural da Coruña, PRESCO, aprobado por unanimidade e cunha dotación orzamentaria de 13,2 millóns de euros.

O programa presentado hoxe conta cun orzamento de 300.000 euros e incluirá máis de 100 actuacións de grupos, artistas e compañías locais de música, danza, humor, teatro, e infantís que se realizarán durante dous meses, desde o 25 de setembro ao 29 de novembro nas principais prazas da cidade.

Tratase, dixo a alcaldesa, dun dos programas máis importantes para dinamizar a industria cultural, xunto co Bono Cultura e as axudas de creación artística. “Unha iniciativa que ten unha dobre función: apoiar o tecido cultural coa contratación de espectáculos e ao mesmo tempo favorecer o consumo no comercio e na hostalería nos diferentes barrios da Coruña”, explicou.

Todos os barrios contarán, polo menos, con 3 actuacións co obxectivo de dinamizar a actividade comercial neles. Haberá música, teatro, contacontos, maxia, humor, danza… en 36 prazas da cidade en formatos reducidos e respectando todos os protocolos sanitarios que vaian aprobando as autoridades sanitarias.

A alcaldesa sinalou que a programación, que se poderá consultar en https://presco.gal/, se irá ampliando, “xa que tamén estamos tratando de incorporar aqueles grupos e colectivos que tiñan previstas actuacións ao longo destes meses e que tiveron que cancelar os seus espectáculos como consecuencia da crise sanitaria”.

Rey subliñou a necesidade de volver a respirar cultura, despois de tanto tempo pechadas e pechados nas nosas casas. “Queremos darlle de novo vida á cidade e axudar entre todas e todos a recuperar a nosa economía. Lanzar a mensaxe de que isto depende de nós, de sumar forzas e de apostar polo noso: polas nosas e nosos artistas, polo comercio de proximidade e pola nosa hostalería, finalizou Rey, quen quixo agradecerlles a Xosé Antonio Touriñán, Luis Veira, e Dori Rocha, “que nos axuden a poñerlles cara aos tres elementos centrais desta proposta: o apoio ao sector cultural e o compromiso de apostar polo comercio de proximidade e a hostalería”.

Os tres quixeron agradecerlle á rexedora que pensaran neles para una iniciativa que servirá “para reactivar a cidade” e animaron a toda a veciñanza a desfrutar de todos os espectáculos. Touriñán destacou que o programa “permitiranos volver saír, respirar cultura e gozar da cidade e das cousas que nos fan felices”. O actor mostrou a súa ledicia “por compartir mesa e pantalla con Luis Veira e Dori Rocha”, mentres que Luis Veira destacou a necesidade “de volver saír e sorrir” e Dori Rocha lembrou que o comercio local dá vida e necesita o apoio de todo o mundo.

Inés Rey explicou que A Coruña foi a primeira cidade de Galicia en aprobar un plan para dar resposta ás consecuencias económicas e sociais da crise da COVID-19 e que a Corporación deulle luz verde ao PRESCO por unanimidade co obxectivo de tratar de axudar os sectores e as persoas que máis están a sufrir as consecuencias da crise económica e social. “Mañá remata o prazo da liña de axudas ás persoas autónomas e xa se presentaron máis de 3.000 solicitudes por un valor de 10 millóns de euros”, apuntou.
Os bonos PRESCO de apoio ao comercio e á hostalería tamén están funcionando a bo ritmo, con máis de 17.000 usuarias/os neste momento.

ACCESO AL VIDEO CON LA PROGRAMACION: https://presco.gal/cultura/

A %d blogueros les gusta esto: