coruna 08/09/2016

O Concello solicita á Xunta “dilixencia para dotar á zona centro da cidade dun espazo de saúde en condicións”, tras presentarlle unha ubicación alternativa á de Santa Lucía

by Victor Lamela

O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, reclamou este mércores á Xunta de Galicia que dea cumprimento ao seu compromiso de dotar á cidade da Coruña dun novo centro de saúde que dea cobertura á zona da centro, dada a situación na que se atopa o actual, ubicado nun piso da rúa Federico Tapia. Debido ás reservas que o Goberno autonómico está a por á hora de ubicar un servizo destas características no Mercado de Santa Lucía, que será rehabilitado de forma integral polo Concello, o Executivo municipal vén de elaborar unha proposta de ubicación alternativa, ofrecendo a posibilidade de situar o demandado centro de saúde do Sergas nun espazo municipal do Paseo das Pontes. O edil insistiu en que “o Goberno local fará todo o que faga falla para garantir que a Administración cumpre a palabra dada, toda vez que xa se comprometera co anterior Executivo municipal a construír o centro de saúde no mercado municipal”. “Non só temos presentado un anteproxecto para a ubicación en Santa Lucía, senón que ademais, vimos de ofrecerlle á Xunta outra ubicación alternativa, porque para nós, o esencial sempre será, por riba dos intereses partidistas, dar resposta ás necesidades da veciñanza”, comentou Varela, que engadiu: “Para nós é irrenunciable ter un centro de saúde na zona centro, como tamén o é rehabilitar o mercado de Santa Lucía, como zona de gran cohesión social para toda a Falperra”, explicou. “O que non podemos é ter ese proxecto do mercado bloqueado, debido a que tras meses de negociacións, a Xunta por boca do concelleiro de Sanidade, decida cambiar a súa idea. Nós seguimos apostando por ubicar o centro de saúde no mercado de Santa Lucía, pero, á vez, lle presentamos unha proposta alternativa, tamén válida, para evitar demoras neste tema”, indicou.

“Este Concello entende como prioritaria a necesidade de trasladar o obsoleto centro de saúde que dá servizo ao barrio da Falperra e zona centro. Para iso, intentou dar unha solución axeitada á proposta de localización no espazo do mercado de Santa Lucía pero, a maiores diso, vimos de propoñer á Xunta ­­con documentación que se lles remitiu hoxe mesmo­­ un emprazamento alternativo no Paseo das Pontes”, comentou o responsable municipal. O edil recordou como dende o pasado mes de marzo, representantes municipais e do Sergas veñen reuníndose nunha comisión de carácter bilateral para abordar o encaixe do novo centro de saúde. “Estamos a facer os nosos deberes. En abril presentamos un primeiro anteproxecto, así como numerosas alternativas ao mesmo en maio. Posteriomente, e tras varias reunións que foron suspendidas por non acudir a parte representativa do Sergas, no mes de xuño, indícannos que sería necesario que o espazo proxectado no mercado de Santa Lucía se desenvolvese de xeito horizonta, e non de forma anexa como se tiña proxectado até o momento. Nesa última reunión, acordamos que Sanidade nos enviaría en 10 día os requisitos técnicos que serían necesarios, pero a día de hoxe aínda non posuímos esa documentación”, enumerou Varela. Esta situación foi a que motivou ao Concello a presentar unha nova alternativa de emprazamento, sen que en ningún caso esta sexa óbice para levar a termo a necesaria rehabilitación do mercado de abastos.

“Existen dúas alternativas de localización. Unha posible e na que se vén traballando dende hai meses no mercado de Santa Lucía. Esta proposta, de levarse a cabo, pasaría por segregar de forma adecuada os usos sanitarios dos usos de mercado, alonxando ademais o centro de saúde do tráfico rodado. O centro de saúde localizaríase no volume existente en altura do mercado, deixando que a praza de abastos se desenvolvese na súa localización orixinal horizontal a modo de praza pública conectada coa rúa”, indicou. “No caso de que esta opción non se levase a cabo finalmente, o espazo reservado para este uso en Santa Lucía sería destinado a outros usos sociocomunitarios, que en calquera caso sirvan para dotar de vida á zona”, engadiu.

“A segunda alternativa que vén de elaborar o Concello, atendendo ao requirimento do Sergas de plantexar o centro de saúde de maneira horizontal, sería ubicar o espazo de atención primaria nunha parcela de titularidade municipal no Paseo das Pontes”, relatou. A citada parcela localízase nun radio inferior a 500 metros do mercado de Santa Lucía e do actual centro de saúde de Federico Tapia. “A parcela escollida polo Concello, de levarse a cabo aí a construción do Sergas, debería someterse a un cambio de uso, do asistencial actual ao sanitario que require un centro de saúde”, indicou. “Con 1.115,34 metros cadrados de superficie podería albergar un edificio exento de desenvolvemento horizontal, cunha conectividade excelente co resto dos barrios en relación á distribución xeral de centros sanitarios no global da cidade”, explicou o titular de Rexeneración Urbana.

Mercado de Santa Lucía

Por outro lado, o concelleiro deu conta das liñas estratéxicas que contempla a súa área municipal para o mercado de Santa Lucía. “O noso proxecto vai máis aló da sua localización específica, xa que entemos a praza do mercado como un espazo potencial de centralidade do barrio da Falperra e do resto da cidade, Por iso, prestaremos especial atención a dotalo de percorridos peonís accesibles, así como trataremos de solucionar as necesidades de mobilidade rodada, tanto pública como privada, que existe na zona, de gran complexidade neste caso debido á orografía da Falperra”, salientou. “A nosa idea é que o mercado se faga permeable á rúa, de forma que a gran apertura interior do edificio se faga contínua co exterior. Desta forma, o espazo central do mercado tornaría en praza pública ventilada e soleada, espazo que conectará a densa trama de rúas que conectan co mercado (Inés de Castro, Alfonso VII, Dr. Fleming, Pasadizo de Pernas e Médico Durán). O obxectivo final que perseguimos é que o mercado volva a facer referencia ás prazas de abastos históricas, ao espazo de encontro e relación social do barrio que constitúe unha praza pública, idea que en esencia está detrás dos mercados municipais, entendidos como servizos públicos da cidade”.

A %d blogueros les gusta esto: