coruna 25/11/2016

O Concello subscribe o acordo da ‘Mesa da Ría’ para requirir ao Ministerio de Medio Ambiente un compromiso coa rexeneración deste espazo a través dos Orzamentos Xerais de 2017

by Victor Lamela

A concelleira de Medio Ambiente, María García, participou nunha nova xuntanza da Mesa da Ría do Burgo, conformada por representantes dos Concellos da Coruña, Cambre, Culleredo e Oleiros, pola Confraría de Pescadores da Coruña, a Plataforma en Defensa da Ría do Burgo e a Universidade, co obxectivo de facer seguimento para o saneamento integral deste espazo natural. Na xuntanza, as e os participantes subscribiron de forma unánime o acordo polo que a Mesa pedirá unha reunión coa ministra de Medio Ambiente, co obxecto de obter do Goberno central o compromiso de que a rexeneración da ría estea contemplada nos Orzamentos Xerais do Estado de 2017 e, igualmente, para coñecer os prazos e partidas dirixidas á execución dos traballos de dragado. “Levamos meses esperando por unha información que non chega e as actuacións son cada vez máis urxentes”, advirte a responsable municipal coruñesa, quen indica que xa en setembro do ano pasado a Mesa solicitou reunirse coa titular de Medio Ambiente, sen obter resposta. Como fai notar, o ministerio aínda non lles comunicou a resolución ás alegacións presentadas de forma conxunta ao proxecto de dragado, a pesares de que o prazo para resolvelas concluíu o pasado mes de xullo. “Aínda co período de interinidade do Goberno do Estado, entendemos que este traballo debía estar feito, porque se trata dun procedemento de xestión, pero a día de hoxe non temos noticias”, censura García, quen expresa a demanda da Mesa de coñecer, tanto o resultado dese proceso de alegacións como tamén a habilitación orzamentaria do proxecto e o calendario de execución.

unnamed

“Móvenos o obxectivo de poder poñer a disposición da veciñanza de toda a contorna un espazo de alta calidade ambiental que ademais poida servir como conexión entre outras zonas verdes dos distintos concellos dos arredores”, destaca a concelleira, para lembrar que a ría do Burgo está chamada a restablecerse como “un gran pulmón verde e punto de encontro dos concellos ribeireños”. Tamén, a responsable municipal lembra o potencial económico e produtivo deste ámbito, a través de actividades como o marisqueo ou do impulso ás actividades deportivas, náuticas e de lecer.

A xuntanza da Mesa da Ría celebrada este xoves serviu tamén para trasladar aos representantes municipais que forman parte da mesma a proposta de presentar, no vindeiro pleno ordinario de decembro dos respectivos concellos, unha moción para instar ao Goberno central a adoptar con urxencia as medidas necesarias para para iniciar o proceso de recuperación da Ría do Burgo, entre as que se conta a inclusión dunha partida a ese fin nos Presupostos do 2017.

A %d blogueros les gusta esto: