coruna 08/31/2019

O Concello transforma a rúa do Alcalde Liaño Flórez nun bulevar arborizado

by Victor Lamela

O Concello xa iniciou as obras de reurbanización da rúa do Alcalde Liaño Flores, no barrio da Agra do Orzán, para a transformar nun pequeno bulevar arborizado. Desde a concellería, sinalan que o obxecto desta actuación é mellorar a accesibilidade nesta rúa e conseguir “un barrio sen barreiras”. 

Esta e outras obras que xa están en marcha responden á aposta do Goberno local pola recuperación e transformación de espazos públicos que axuden a mellorar o día a día da veciñanza. O obxectivo, sinalan, é mellorar a accesibilidade nas vías públicas da cidade. “A nosa prioridade é seguirmos levando melloras a todos os barrios”, lembran desde Urbanismo. 

A renovación deste espazo urbano consiste, principalmente: na renovación dos pavimentos da beirarrúa e da calzada, que se atopan moi avellentados polo uso e polo paso do tempo e presentan numerosas deficiencias; na ampliación das zonas peonís (eliminarase un carril de circulación no tramo situado entre as rúas Mosteiro de Caaveiro e Antonio Pedreira Ríos); e na mellora da accesibilidade e da sinalización.

 O proxecto, que transformará esta rúa nun bulevar arborizado con bancos na zona da Escola Municipal Infantil e do Instituto Agra do Orzán, inclúe a renovación de superficies e mobiliario urbano. Está previsto instalar 17 bancos novos.

Cun orzamento de 254.077,80 euros (IVE incluído) e un prazo de execución de tres meses, a obra tamén prevé que o número de árbores na rúa aumente de forma notable. A previsión é plantar ao redor de 12 árbores.

 A superficie de calzada renovada é de 1.967,51 metros cadrados, e a da beirarrúa de 1.871,66 metros cadrados, dos cales 771, 29 corresponden ao bulevar para o desfrute das veciñas e dos veciños.

Ao mesmo tempo, aumentarase a beirarrúa na marxe das vivendas e melloraranse todos os pasos de peóns para conseguir, así, adaptar este espazo público á normativa sobre accesibilidade vixente. Pavimentaranse as beirarrúas con baldosa granallada, segundo os criterios que se empregan na actualidade nas áreas peonís da cidade.

A %d blogueros les gusta esto: