coruna 10/12/2019

O CONSELLO DE ALCALDES SOCIALISTAS DA PROVINCIA DA CORUÑA REXEITA “UN ‘MODELO SOGAMA’ PARA A AUGA, ONDE OS CONCELLOS PAGAN E A XUNTA DECIDE”

by Victor Lamela

O Consello de Alcaldes e Alcaldesas socialistas da provincia da Coruña rexeitan “un ‘modelo Sogama’ para a auga, onde os concellos pagan e a Xunta decide”.

Os rexedores piden participar no ciclo integral de xestión da auga e que “os investimentos sexan consensuados coa Fegamp”. En concreto, demandan que “o 50% do que se recauda polo canon de auga nun concello se destine a investimentos nese municipio para melloras nas infraestruturas hidráulicas”.

Unha treintena de alcaldes dos 41 municipios que goberna o PSOE na provincia participaron hoxe en Ponteceso nunha reunión do Consello de Alcaldes e Alcaldesas. O secretario xeral dos socialistas e presidente da Deputación, Valentín González Formoso, considerou “xusto que unha parte do que recauda Augas de Galicia quede nos concellos”.

Na reunión de traballo, os alcaldes pediron tamén “integrar no Fondo Galego de Cooperación Local todos os fondos de subvencións a concellos para asegurar a obxectividade no reparto, como fai a Deputación co Plan Único”.

Por último, os alcaldes e alcaldesas do PSOE solicitan “que os concellos poidan utilizar os seus remanentes de tesourería para investimentos que deriven en xeración de emprego e actividade económica”.

“O consello de alcaldes é un órgano do partido a nivel provincial, somos un partido municipalista e hoxe puxemos en común temas esenciais e prioritarios para os concellos”, engadiu Formoso.

A %d blogueros les gusta esto: