coruna 05/02/2016

O dispositivo polo desfile de carrozas de Entroido suporá cortes de tráfico este sábado entre a avenida de Navarra e María Pita

by Victor Lamela

O Concello establecerá o vindeiro sábado, día 6, un dispositivo especial de tráfico e seguridade para dar cobertura ao desfile de carrozas de Entroido, que terá lugar entre as 17.30 e as 19.00 horas, e que discorrerá desde a avenida de Navarra ata María Pita, pasando pola rúa da Torre, Baltasar Pardal, costa de San Agustín e a praza Marqués do San Martín. O obxectivo é, tal e como indica o responsable municipal de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, “que o tráfico manteña durante ese tempo a maior fluidez, evitando retencións innecesarias, ademais de garantir a seguridade dos e das participantes”. A ese fin, a circulación verase afectada desde as 17.15 horas, momento en que se cortará o acceso á avenida de Navarra e rúa da Torre ata o Campo da Leña. O acceso a esta praza tamén quedará restrinxido desde San Andrés con rúa Cordonería; en función da cantidade de participantes que se congreguen, o corte podería atrasarse ata Rúa Alta.

O percorrido do desfile tamén afectará ás liñas de bus 3, 3A, 5, 7, 17, 4, 6, 6A e 1. De tal xeito, unha vez que queda pechada ao tránsito a avenida de Navarra e a rúa da Torre, as liñas 3, 5, 7 e 17 que discorran en sentido Monte Alto desde Orillamar e San Amaro collerán a rúa de Manuel Canzobre ata Adormideras, onde finalizarán a viaxe. De volta, desde a glorieta de Torrente Ballester, circularán polo Paseo Marítimo, Veramar, avenida do Metrosidero –onde a liña 17 retoma o seu percorrido habitual– e seguen por Abente y Lago e avenida da Mariña, para recuperar o seu itinerario as liñas 3, 5 e 7 ao chegar á praza de Pontevedra. En canto á liña 3A, o corte da avenida de Navarra impedirá o acceso a Adormideras, polo que terá que xirar na glorieta da Torre, para regresar polo Paseo Marítimo ata a glorieta de Salesianos; de aí subirá pola rúa Hospital, San Roque, praza de España, Panaderas, San Andrés e praza de Pontevedra, onde recuperará o seu percorrido.

O corte da entrada a Santo Tomás desde Orillamar afectará ás liñas 4, 6, 6A e 11 en sentido praza de Pontevedra­Monte Alto, que serán desviadas desde Salesianos polo Paseo Marítimo, As Lagoas e a avenida de Hércules, para recuperar o itinerario unha vez que a cola da cabalgata supere a zona de San Amaro. De volta, desde a avenida de Hércules estes buses circularán por Ramón del Cueto, Curros Enríquez, Paseo Marítimo (glorieta de Salesianos), rúa Hospital, praza de España, Panaderas e San Andrés ata praza de Pontevedra, onde retoma a súa ruta normal.

Para evitar os tapóns nas vías máis afectados polo desfile, a Policía Local recomenda, na medida do posible, evitar o uso do vehículo privado entre as 17.00 e as 21.00 horas ou, en caso de necesidade, tomar itinerarios alternativos polo Paseo Marítimo, tanto pola zona de Riazor e Orzán como polas Ánimas, Pelamios e Adormideras. Ademais, para permitir o paso do desfile, , desde as 14.00 horas prohibirase o estacionamento na rúa da Torre, desde o cruzamento coa rúa do Traballo, e a costa de San Agustín e, de igual xeito, impedirase aparcar fronte á praza da Gasolinera, entre as rúas de San Pedro e Fuente Álamo, para habilitar un carril de circulación. Igualmente, desde as 08.00 horas do mesmo sábado, liberarase o aparcamento da Torre, onde terá lugar a concentración de carrozas e participantes.

A %d blogueros les gusta esto: