Exposición 05/11/2016

O edil José Manuel Sande salienta “a figura polivalente e histórica” de Luis Seoane no vinte aniversario da Fundación

by Victor Lamela

Oconcelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou as dúas exposicións que se inaugurán mañá na Fundación Luis Seoane co gallo do vinte aniversario do museo. O edil saudou o regreso á programación de exhibición, “logo dun período de inactividade” por obras no centro de arte contemporánea, e a “expectación” xerada pola inauguración de dúas mostras “nunha efemérede tan sinalada como son os 20 anos” da creación. Luis Seoane. Retrato de esguello,unha coprodución entre a Fundación e o MARCO de Vigo, e Carlos Maside ­ Luis Seoane. Aquel abrazo,unha exposición que conta coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela e Legado de Carlos Maside, “reflicten a figura polivalente e histórica de Luis Seoane”, salientou Sande. O responsable municipal fixo fincapé tamén na relación “de irmandade” entre Maside e Seoane, “unha afinidade visible tamén nas institucións” á hora de colaborar na produción das exposicións dos artistas galegos.

unnamed

Luis Seoane. Retrato de esguello dá unha visión global da capacidade multidisciplinar do artista, ao recoller 200 obras nas que se atopan pinturas, gravados, carteis publicitarios, bosquexos murais, deseños cerámicos e proxecots editoriais, así como “unha extensa relación de tapices que nunca estiveran na Fundación e que Seoane non chegou ver exposta en vida e que, dalgún xeito, recollen todas as súas teimas e obsesións”, indicou o comisario da exposición, David Barro. “Seoane é un artista obsesionado por misturar unhas técnicas con outras, é un creador total”, afirmou Barro, que salientou o seu papel na historia do deseño gráfico, “situado entre o mellor do seu tempo, sendo unha referencia para xeracións máis novas”.

O comisario tamén destacou o “sentido social” da obra de Luis Seoane “como fío condutor”. “Seoane estaba obsesionado por chegar ao pobo, porque todo o mundo puidera disfrutar da cultura”, explicou Barro, quen sinalou que o artista empregaba a pintura “na que reivindica unha Galicia mítica, combativa, campesina, emigrante, pero en particular, popular”, unha idea que tamén estivo presente na súa labor como editor en Arxentina.

Por outra banda, a C arlos Maside­Luis Seoane. Aquel abrazo, “está baseada nunha relación epistolar e o xeito de como entenden a pintura dous artistas que trouxeron as vangardas á tradición pictórica galega”, segundo sinalou a comisaria desta exposición, Carmela Montero. A mostra, situada na planta baixa do centro de arte contemporáneo, conta con 27 obras de Carlos Maside e 9 obras de Seoane pertencentes á colección da Fundación. “Esta mostra é unha débeda que tiña a Fundación”, indicou Montero, “porque Luis Seoane sempre reinvindicou a Maside como o seu mestre e referente na renovación do movemento artístico en Galicia”.

As exposicións Luis Seoane. Retrato de esguello e C arlos Maside­Luis Seoane. Aquel abrazo inauguranse hoxe, mércores 11, ás 20.30 horas, e poderán visitarse até o 25 de setembro e 28 de agosto, respectivamente, de martes a domingo de 11 a 15 horas e de 17 a 21 horas.

A %d blogueros les gusta esto: