Teatro Colon 11th abril 2018

O festival de narración oral ‘Falando coa boa chea’ expándese na súa segunda edición a concellos da área metropolitana e a espazos privados

by Victor Lamela

O Fórum Metropolitano acolle no mes de abril a segunda edición do festival ​Falando a boca chea​, que contará con destacadas voces da narración oral en Galicia co obxectivo de achegala a un público de todas as idades. “Un xénero afortunado”, como o definiu o edil de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, durante a presentación da programación esta mañá, xa que “explica a condición humana e a esencia das artes, como chegamos aos demais e como nos comunicamos”. Neste sentido, o concelleiro apuntou que a oralidade, “a parte de vir precedida de toda unha tradición cultural, é tamén unha forma artística e cultural”. O festival, que terá lugar entre 17 e o 21 de abril, suma espazos e expándese este ano, xa que tamén terá actividades paralelas nos concellos de Sada, Oleiros e Arteixo na área metropolitana, así como noutros espazos que habitualmente non programan eventos deste tipo, como o centro comercial Marineda City e o Museo de Arte Contemporánea de Unión Fenosa. O coordinador do festival, Ramiro Neira, apuntou que este é o “novo reto” da edición, na que se busca acadar colaboracións con entidades públicas e privadas. No acto interviron tamén algúns dos e das participantes nesta edición, como son Chus Álvarez, Érica González e Pedro Brandariz.

O festival, que ten como obxectivo dar pulo á tradición da narración oral galega, empregará distintas localizacións do Fórum Metropolitano para mostrar espectáculos adaptados a todas as idades e unha programación axustada en distintos horarios para que a veciñanza poida asistir ás distintas propostas. Así, o vestíbulo do recinto municipal acollerá, ás 19.00 horas, as actuacións de Érica González, Andrea Bayer, Chus Álvarez e Gonzalo Guerreiro, todas elas de entrada gratuita. O auditorio acollerá, todos os días ás 21.00 horas, os espectáculos de Quico Cadaval, Pedro Brandariz, Celso Fernández e Víctor Grande. As entradas teñen un prezo en taquilla de 7 euros, 5 se se mercan de maneira anticipada, e están dispoñibles na taquilla central da praza de Ourense, na do Fórum Metropolitano os días de función, no 902 044 226 ou en www.ticketea.com. As funcións programadas no Fórum comezan o martes 17, ás 20.30 horas, coas actuacións dos participantes no Concurso de monólogos cómicos en galego, de entrada libre.

A segunda edición do festival de narración oral na cidade seguirá apostando por chegar a todos os públicos, con Sesións bebés para nenos e nenas de entre dous e catro anos que se celebrarán na biblioteca infantil do Fórum e nas que intervirán Chus Álvarez e Caxoto. Para poder asistir será necesaria a inscrición a semana previa no web ​www.coruna.es/bibliotecas​. Tamén está previsto que as funcións de Caxoto e Soledad Felloza se representen para estudantes de ESO, Bacharelato e FP en horario lectivo os días 18 e 20 de abril. As entradas teñen un custo de 3 euros e o profesorado acompañante contará con invitacións.

As citas que axenda o festival na súa contorna comezaron xa en Sada, onde o pasado domingo actuou Soledad Felloza, e en Oleiros. En Arteixo será o turno de Érica González o venres 20, no centro social de Meicende. No centro comercial Marineda City, na segunda planta, haberá actuacións para o público familiar, ás 19.00 horas, a cargo de Ramiro Neira (venres 13) e Caxoto (venres 27) e para público adulto, ás 21.00 horas, o monólogo de Marcos Pereiro (venres 27).

A %d blogueros les gusta esto: