coruna 08/04/2021

O FESTIVAL RESIS PRESENTA A SÚA IV EDICIÓN, NA QUE A CORUÑA VIVIRÁ MÁIS DE 30 ESTREAS DE OBRAS DE ARTISTAS DE REFERENCIA INTERNACIONAL NA MÚSICA E A CREACIÓN CONTEMPORÁNEA

by Victor Lamela

O Festival RESIS de Música Contemporánea de A Coruña presentou a súa IV Edición na Sala Municipal de Exposicións de Palexco co obxectivo de afianzarse como “un dos eventos de referencia da creación contemporánea en España”. Este ano o Festival RESIS celebrarase entre o 22 de abril e o 6 de xuño en diferentes espazos culturais da cidade e contará cunha colaboración moi especial coa Orquesta Sinfónica de Galicia (OSG), e coa estrea en primicia en A Coruña de máis de 30 obras de artistas que xa son unha referencia da música e a creación contemporánea a nivel internacional. En concreto a cidade vivirá a estrea absoluta de 17 obras artísticas, mentres que outras 17 composicións soarán por primeira vez en Galicia.

Na rolda de prensa estiveron presentes o tenente de alcaldesa do Concello da Coruña, Juan Ignacio Borrego, e o deputado de Cultura da Deputación coruñesa, Xurxo Couto. Borrego destacou que a música contemporánea será a protagonista dun evento que “se define como de ‘artes vivas’ para demostrar unha vez máis que a cultura segue viva”. Explicou que desde o Concello incrementaron este ano a achega “para que o RESIS dea ese salto” tras confirmar a súa calidade e orixinalidade en anteriores entregas. O tenente de alcaldesa afirmou que a cultura é un sector básico e unhaactividade esencial, “pero tamén acreditamos que A Coruña conta cunha vocación

cultural avanzada que non podemos perder”. Neste punto, engadiu que a vangarda é o lugar natural da cultura coruñesa, e destacou que a iniciativa combinará arte con música, como ocorrerá no Palexco, onde haberá varios concertos, que terán de pano de fondo a exposición colectiva sobre a pandemia.

Proxecto 20|21 coa OSG

O director do Festival RESIS e compositor galego Hugo Gómez-Chao e o xerente da OSG, Andrés Lacasa, presentaron o proxecto 20|21, no que están incluídos sete dos concertos dos que o público poderá gozar dentro da programación de RESIS. Este proxecto consta do encargo e a estrea en A Coruña de obras de compositores e compositoras galegas recoñecidos e premiados a nivel internacional. As obras serán interpretadas por grupos de cámara da propia OSG nun formato inédito para o conxunto orquestral en Galicia. Ademais do programa coa OSG, RESIS contará con concertos como Mikrokosmos, de Roberto Oliveira; Realidade, de Pulso Ensemble; Sólidos e Líquidos, do Grupo Ixor dentro do proxecto educativo RESIS; o concerto para piano Telescope, coa intérprete Elisa Vázquez Doval; ou o concerto Ombra Di Suono, do Cuarteto Matrice con escenografía da artista Iria Do Castelo.

O concerto Gran Torso pechará este ano o Festival RESIS no Teatro Colón coa estrea en Galicia de “JALONS”, obra cume da vangarda europea do século pasado do compositor Iannis Xenakis. As obras “Erlantz” de Ramón Lazkano e “Tres pinturas imaxinarias” de Alberto Pousadas soarán por primeira vez en Galicia, dando testemuño de dous dos mellores compositores españois da actualidade e con maior prestixio internacional.

O compositor galego Hugo Gomez-Chao presentará a súa última obra, “AGÓN”, para gran ensemble, que pechará o programa dirixido por Nacho de Paz e interpretado polo grupo Vertixe Sonora Ensemble.

Ademais da música, a creación vangardista estará moi presente en RESIS, que desde o seu nacemento ten como factor diferencial o diálogo entre a música e as diferentes artes contemporáneas. Este diálogo estará moi presente no evento de presentación do Festival, que terá lugar o xoves 22 de abril ás 20.30 horas na Fundación Luis Seoane, coa videoinstalación “Formas da aparencia”, da creadora visual Verónica Vicente. O acto inaugural estará conducido pola actriz e narradora Chus Álvarez, que se encargará de introducir tamén os diferentes concertos de RESIS ao longo do Festival. Por outra banda, ademais dos concertos, a instalación sonora Gra(fo)nemas, da artista Miryam Pato, inaugurarase o venres 30 de abril ás 20.00 horas no Museo Casares Quiroga, onde permanecerá ata o domingo 6 de xuño.

Entradas de balde nos espazos culturais da cidade

As entradas para todos os actos e concertos de RESIS serán de balde pero deberán reservarse e ser recollidas físicamente desde o venres 16 de abril nos respectivos lugares de celebración de cada evento. Os aforos serán moi limitados debido ás restriccións pola Covid-19 e por iso é moi importante asegurar que todas as persoas que reserven a súa entrada acudan aos concertos.

Polas circunstancias especiais desta IV Edición, a organización de RESIS xunto co Concello da Coruña e a Deputación decidiu optar por levar as actuacións a diferentes espazos da cidade. Así, haberá concertos e eventos na Fundación Luis Seoane, a Igrexa

das Capuchinas, o Museo Casares Quiroga, a Sala Municipal de Palexco, a Domus, o Muncyt, o Aquarium Finisterrae, a Sala do Palacio Municipal e o Teatro Colón. Toda a programación e a información dos concertos poderá ser consultada na web www.resisfestival.com e nas redes sociais de @resisfestival en Instagram, Twitter e Facebook. Ademais, os concertos serán publicados na canle de Youtube do Festival RESIS

A %d blogueros les gusta esto: