Uncategorised 08/01/2015

O GOBERNO DA DEPUTACIÓN LEVARÁ AO PLENO DE ORGANIZACIÓN UNHA PROPOSTA DE AFORRO DE 4 MILLÓNS DE EUROS EN TODO O MANDATO

by Victor Lamela

A vicepresidenta e portavoz do Goberno da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, presentou aos medios de comunicación a proposta definitiva que o executivo provincial elevará ao pleno extraordinario de organización que terá lugar o vindeiro martes, 4 de agosto, e que inclúe un cómputo total de aforro de máis de 4 millóns de euros en todo o mandato con respecto ao anterior Goberno.

unnamed

Sanmartín explicou que o aforro se producirá como consecuencia da importante redución de salarios e indemnizacións por asistencias a órganos colexiados, da baixada do número e niveis do persoal eventual, da eliminación das xefaturas de área creadas polo anterior goberno e do recorte dos gastos en protocolo e publicidade da institución.

En concreto, as retribucións do presidente pasarán dos 71.593 € aos 63.500 euros, e os da vicepresidenta dos 60.426 aos 55.900 euros anuais. Os diputados con dedicación exclusiva verán tamén notablemente reducidas as súas retribucións de 60.426 a 51.000 euros/ano. A proposta inclúe un total de dez dedicacións exclusivas nas que, ademais do presidente e a vicepresidenta, se inclúen 2 para o PSdeG-PSOE, 3 para o BNG, 2 para o PP e unha para Marea Atlántica. Tanto Compostela Aberta como Alternativa dos Veciños renunciaron á dedicación durante as negociacións, segundo explicou Sanmartín.

Tamén as asistencias a plenos e comisións para os deputados sen dedicación exclusiva se reducirán entre o 15 e o 19%, pasando dos 591 aos 500 € por asistencia a pleno e de 370 a 300 euros para as asistencias a Xuntas de Goberno e Comisións informativas, das que os/as deputados/as só poderán ademáis cobrar un máximo de 3 ao mes, fronte ás 4 do mandato anterior.

Sanmartín anunciou tamén importantes recortes nos gastos de funcionamento da institución provincial coa redución en máis de medio millón de euros dos gastos de protocolo e publicidade, de 215.000 euros ao ano coa supresión das áreas de Goberno creadas polo anterior executivo e de máis de 100.000 euros anuais no persoal eventual, que pasará de 32 persoas a só 26, reducindo ademais os seus niveis retributivos coa eliminación dos niveis máis altos, A28 e A26.

“O Goberno da Deputación aposta por pór a disposición de todos os grupos persoal suficiente para desenvolver as súas funcións”, afirmou a vicepresidenta, que destacou que todos os partidos terán grupo propio e participarán nas comisións e na Xunta de portavoces porque “é fundamental escoitar a voz de todos”.

Sanmartín engadiu que estamos ante “a Corporación máis plural que veu a Deputación, o que supón destinar recursos á Corporación para que esta pluralidade quede reflectida” no traballo diario da institución.

Neste sentido, cualificou a proposta de organización do Goberno provincial de “inclusiva”, apelou á “responsabilidade” e solicitou “un voto de confianza” dos diferentes grupos da Corporación para sacar adiante esta proposta, cuxos eixes centrais son “a redución do gasto e a maior participación dos grupos políticos”.

“Pensamos que hai motivos para que a proposta sexa ben acollida por todos os grupos”, concluíu Sanmartín.

A %d blogueros les gusta esto: