Uncategorised 02/26/2019

O Goberno local abre desde hoxe e ata o 26 de marzo a votación cidadá en torno aos proxectos gañadores para a definición do futuro do bordo litoral

by Victor Lamela

O proceso de exposición e votación por parte da cidadanía dos cinco proxectos gañadores do concurso de ideas sobre o bordo litoral comeza hoxe, 26 de febreiro e durará un mes. Os concelleiros de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, e Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, presentaron o proceso de debate e votación cidadá que contará coa exposición pública dos proxectos, tanto de maneira física como online, e a súa presentación por parte dos equipos redactores para que a cidadanía poida facer “unha valoración informada dos mesmos”, como indicou Delso. A votación dos cinco proxectos gañadores, que se fará a través da mesma web que se emprega para os Orzamentos Participativos, comezará hoxe, día 26, e durará un mes.

“Este paso, a valoración cidadá do concurso, está enmarcado nesta batalla polos peiraos interiores da cidade e nese cambio de rumbo dos convenios de 2004 no que levamos catro anos traballando e que, por fortuna, foi dando pasos positivos e tanxibles, como a paralización da privatización da Solana”, contextualizou Varela. Un camiño no que, como defendeu o edil, o Goberno local “está a contar coa cidadanía porque é esencial xerar un espazo no que a veciñanza poida dar a súa opinión, valorar e seguir enriquecendo este proceso para que dende os servizos municipais, a nivel xurídico e técnico podamos ir dando os pasos que tocan”. Tal e como lembrou Varela, este proceso iniciouse coa organización de Tecendo Litoral, un foro de investigación e debate sobre o futuro dos portos interiores da cidade e do que o Goberno local tirou “unha serie de criterios consensuados” que se aplicaron tanto no concurso de ideas como no proceso de votación por parte da cidadanía.

Deste xeito, o proceso de participación e valoración a realizar pola veciñanza consistirá en elixir o proxecto que aporta, en cada caso, unha mellor solución a cinco cuestións que veñen marcadas polas conclusións do foro Tecendo Litoral. A votación elixirá as propostas que dean as respostas máis axeitadas, segundo o criterio cidadá, á integración entre o porto e a cidade; á mobilidade e á accesibilidade; á creación de emprego; ao medio ambiente e á participación cidadá. “As conclusións desta votación permitirán ao Concello seguir avanzando nun banco de ideas para a definición dos terreos e seguir fomentando o debate sen perseguir unha única idea finalista”, explicou Varela.

Co obxectivo de que a cidadanía “participe dunha decisión tan relevante como o futuro dos peiraos”, como indicou Delso, o proceso contará con varios puntos e accións para dar a coñecer os cinco proxectos gañadores. Cada un deles contará con planos e vídeos informativos realizados polo equipo redactor cos que se trata de presentar de xeito sinxelo cada un dos proxectos e responder ás cinco cuestións que se realizan na votación. Así, toda a documentación das propostas, con planos e vídeos informativos, estarán dispoñibles na páxina web aportaaberta.coruna.es dende mañá. Tamén será posible coñecer os proxectos de modo presencial, na exposición pública que se realizará entre o 26 de febreiro e o 17 de marzo na sala de mostras do Pazo de María Pita, en horario de 12.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00 horas. A cidadanía tamén terá a oportunidade de coñecer as ideas presentadas por parte de cada un dos equipos redactores dos proxectos, xa que farán unha defensa pública dos mesmos o vindeiro mércores 27 de febreiro ás 19.30 horas en Tribuna Pública, “un espazo xunto á Fábrica de Tabacos onde se están a articular moitas accións en torno a este debate público tan importante como é o futuro dos terreos portuarios”. “Tamén contaremos co apoio de todo o persoal de equipamentos municipais como centros cívicos ou bibliotecas e do teléfono de atención 010 para informar á cidadanía dos particulares e cuestións que poidan ter sobre o proceso”, apuntou Delso.

O proceso de votación contará tamén con tres puntos de atención presencial con persoal para apoiar e axudar a calquera cidadán que se achegue a facelo e cumpra cos requisitos, que son ser unha persoa maior de 16 anos e estar emproada na Coruña, como ocorre no caso dos Orzamentos Participativos. Estes tres espazos estarán situados na propia zona de exposición do proxectos no Pazo de María Pita, no Centro Ágora e no Fórum Metropolitano “nun horario amplo de atención” de 10 a 14 horas e de 16 a 20 horas.

A %d blogueros les gusta esto: