coruna 04/09/2018

O goberno local abre o prazo de preinscrición para as novas matrículas das Escolas Deportivas Municipais

by Victor Lamela

​A Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento vén de abrir nesta xornada o prazo de preinscrición das Escolas Deportivas Municipais, cuxo curso comezará o vindeiro mes de outubro. Así, desde hoxe e até o 10 de setembro, todas aquelas persoas interesadas en asistir ás actividades deportivas que ofrece o Concello da Coruña nos distintos equipamentos deportivos municipais, así como no complexo de San Diego ou na piscina do Club do Mar de San Amaro, poden facer a súa solicitude a través da páxina web municipalwww.coruna.gal​.

O programa das Escolas Deportivas Municipais ofrece a posibilidade de realizar actividade física a través de diversas disciplinas de forma adaptada aos distintos niveis e grupos de idade. Aikido, atletismo, baile deportivo, bádminton, escalada, esgrima, judo, minitenis, natación, pádel, patinaxe, pilates, tenis ou ximnasia de mantemento son algunhas das modalidades que forman parte da programación municipal, que se promove en distintos horarios e días da semana de xeito que a veciñanza poida dispoñer de distintas posibilidades á hora de poder realizar actividade física que axude a manter un ritmo de vida saudable. Todos os horarios e prazas dispoñibles pódense consultar a través do web ​www.coruna.gal/deportes​, ademais dos taboleiros de anuncios dos centros deportivos ou no teléfono gratuíto de atención cidadá 010.

Ademais da formalización da solicitude en liña, poderase realizar tamén de xeito presencial nas oficinas do Servizo Municipal de Deportes da Cidade Deportiva da Torre, do Pazo de Deportes de Riazor ou do polideportivo do Barrio das Flores, en horario de 08.00 a 13.00 horas. No caso dos cursos que se oferten nos centros de San Diego e San Amaro, a preinscrición deberase formalizar nestes equipamentos no horario de atención ao público establecido nos mesmos.

Unha vez cumprido o prazo, a lista provisional das novas matrículas publicarase o vindeiro 12 de setembro e, de seguido, abrirase un período de presentación de alegacións os días 13 e 14. No caso que o número de prazas ofertadas sexa menor das demandadas, realizarase un sorteo público –para cada unha das escolas deportivas — na oficina do Servizo Municipal de Deportes de Riazor o día 17 de setembro ás 10.00 horas. As listas definitivas publicaranse ao día seguinte, o o martes 18, de forma que as matriculas se poderán formalizar entre os días 19 e 27 de setembro.

Rematado o prazo de matrícula, no suposto de quedar prazas vacantes, establecerase un período de cinco días hábiles nos que se poderá matricular calquera persoa previamente preinscrita na devandita actividade. A partires desta data, e até o 31 de marzo, todos os venres a partires das 14.00 horas publicaranse na web ​www.coruna.gal/deportes​, nos taboleiros dos equipamentos deportivos e no teléfono 010 as prazas que aínda queden vacantes. Nestas mesmas canles indicarase a forma de proceder, en data e forma, con esas matrículas.

A %d blogueros les gusta esto: