coruna 13/02/2016

O Goberno local abrirá a partir do luns os contactos polos Orzamentos a todos os grupos municipais

by Victor Lamela

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, avanzou este venres que o Goberno abrirá o luns os contactos polo seu proxecto de Orzamento a todos os grupos municipais. “Seguimos abertos a un acordo co grupo socialista, pero se queremos levar adiante os Presupostos este mes temos que falar xa cos outros grupos. Creo que fomos todo o conciliadores e pacientes co PSOE, démoslle todas as oportunidades nesta negociación bilateral, sen abrir o campo. Non sei se ten sentido seguir agardando por ese formato, e os Orzamentos non se poden levar a pleno sen ter conversas cos outros grupos”, expuxo Ferreiro. “Como nós temos a responsabilidade de gobernar e de que as cousas vaian adiante na cidade, non podemos seguir agardando a que o PSOE decida o que quere facer, por iso temos que seguir para diante”, advertiu, e engadiu: “Agardo que teña vontade de negociar pero, polo menos, que non entorpeza o labor de goberno; se non se quere apoiar os Orzamentos, perfecto, pero que nos deixe aprobalos”.

Tal e como indicou o alcalde, o luns serán convocadas os e as portavoces dos grupos da oposición para fixar as xuntanzas, co fin de dialogar sobre o proxecto orzamentario do grupo de Goberno, que xa fora trasladado aos grupos. “Queremos saber o que pensan, e se teñen propostas concretas porque nós estamos abertos a, cando as haxa, incorporalas aos Orzamentos, como xa se lle dixo no seu momento ao PSOE; que presenten propostas, cuantificadas e temporalizadas, porque estaremos contentísimos de metelas nos Orzamentos, e que estes poidan ser de todos os grupos e que e cadaquén poida facer valer a súa achega”, comentou o rexedor. Nese sentido, Ferreiro matizou que os aspectos principais do programa do grupo de Goberno “terán que manterse aí”. “Trátase, non de renunciar, senón de incorporar propostas que outros grupos poidan traer”.

Cuestionado pola actitude do grupo municipal socialista, o primeiro edil reafirmou a disposición “máxima a negociar” que mantivo o Goberno municipal, e lamentou que “despois de 60 días non temos nada, máis que unhas acusacións bastante abstractas sobre unha suposta deslealdade que aínda non sabemos en que consiste”. “A realidade é a que é. Fixemos o posible por achegarlles toda a información que nos pedían, pero cando se piden cousas que non son razonables, non se pode”, indicou, e puxo como exemplo o conflito coas campañas de promoción dos mercados para o próximo Nadal. “Non sei se para negociar os Orzamentos hai que saber cantos ‘papá noeles’ vai haber dentro de dez meses. Calquera que teña negociado uns presupostos sabe que estes non van a ese nivel de detalle, senón que son propostas de gasto”. “Igual tamén ten que ver con que quen representa ao PSOE aquí non ten experiencia, non sabe e non ten intención de chegar a acordos”, observou.

A %d blogueros les gusta esto: