coruna 03/08/2015

O Goberno local considera que o PP amosa “impericia” ao ser incapaz de entender o programa electoral da Marea

by Victor Lamela

O Goberno local achaca ao “nerviosismo” dos concelleiros do Partido Popular Rosa Gallego e Roberto Coira as súas críticas á circunstancia, inédita neste Concello, de que a oposición poida acceder á Xunta de Goberno Local, función na que Gallego se estreou o venres. Así mesmo, recoméndalles “paciencia”. Tamén, o Goberno municipal agradécelle aos concelleiros e concelleiras do PP que “se molesten en facerlle o seguimento ao programa electoral deste Goberno”. “Lamentablemente, como lles acontecía co seu propio programa cando gobernaban, demostran certa impericia”, indícase desde o goberno local, e matízase que a medida número 36 do programa da Marea Atlántica, á que se refire constantemente o PP, dicta unha “análise do estado da concesión do servizo de ORA e, dependendo da situación da licitación do contrato, valorar a súa remunicipalización”. Polo tanto, non existe incumprimento de programa.

Desde o Goberno local enténdese que Gallego e Coira critiquen a acción de goberno. O que é difícilmente explicable é que descualifiquen un modificativo de crédito que ten como obxectivo fundamental atender o pago de obrigas autorizadas polo goberno do que formaban parte e que foron comprometidas carecendo de crédito axeitado e suficiente. Un total de 3.150.834,02 euros corresponden a recoñecemento extra­xudicial de obrigas procedentes da xestión de goberno do PP sen dotación orzamentaria e que é preciso incorporar ao orzamento deste ano para poder proceder ao seu pago. “Algo que coñecen de sobra tanto Rosa Gallego como Roberto Coira, entre outras cuestións porque corresponden á súa xestión de goberno”, fan notar. Para poder proceder a dito recoñecemento e imputación orzamentaria é preciso suplementar ou transferir créditos, minorando a dotación dalgunhas partidas e programas que a criterio dos servizos municipais pode ser atendible. E é o que fixo o goberno actual, axustando o orzamento sen afectar á prestación e continuidade de servizos e programas básicos mentres se renuncia a actuacións innecesarias ou carentes de interese público (caso da actuación da roseira dos xardíns de Méndez Núñez), así como se reducen partidas como gastos de persoal.

Resulta, asimesmo, “patético” que aqueles membros dun goberno condenado en sentenza por violación dos dereitos fundamentais (ao denegar acceso de información aos concelleiros no anterior mandato) apelen agora á transparencia. Un feito moito máis lamentable cando o escurantismo e a falla de transparencia na xestión de goberno e de contratación foi práctica habitual e ordinaria dun goberno, o anterior, que nunca permitíu acceder á oposición nin á Xunta de Goberno Local nin á Mesa de Contratación, a diferenza do actual. “En todo caso, sempre é boa noticia que un partido asuma a mensaxe das urnas e empece a pensar na transparencia”, sinala o Goberno coruñés.

Ademáis, o Goberno municipal precísalle ao PP que “a continuidade na prestación do servizo de Vendex (ata o máximo de 25 de agosto) ampárase en razóns de interese público de que a concesionaria continúe prestando servizos ata a formalización e execución efectiva do servizo polo novo concesionaio. Algo que debería saber Rosa Gallego pois é unha norma legal que o goberno anterior aplicou en varias ocasións. Tampouco hai inconveniente ningún en acordar a continuidade temporal do contrato da ORA cando o da grúa xa foi adxudicado con anterioridade, algo que é ben sabido polo PP”. Así mesmo, comparar o contrato da ORA co das touradas é “impresentable”. No caso das touradas este goberno procede á renuncia dun contrato en vigor para non seguir prestando dito ‘servizo’, mentres no caso da ORA tratábase da alternativa de municipalización dun servizo que se vai seguir prestando. A diferenza entre ambas situacións é radical.

A %d blogueros les gusta esto: