coruna 13/12/2015

O Goberno local cualifica de “electoralista” o anuncio do dragado da Ría do Burgo a nove días das eleccións xerais e esixe maior investimento á Xunta e ao Goberno central ante a diferenza orzamentaria do proxecto e os fondos previstos

by Victor Lamela

A concelleira de Medio Ambiente, María García, vén de avaliar o anuncio do proxecto de dragado da Ría do Burgo publicado onte no Boletín Oficial do Estado. A edil saudou a información do anuncio do dragado no BOE “precisamente nove días antes das eleccións xerais, despois de esperar anos e anos” polo mesmo e cualificou de “sospeitoso e electoralista” o momento escollido polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente para anunciar o saneamento da Ría, “unha medida que o Goberno local considerou como unha prioridade desde o primeiro día”. Na análise do documento, a responsable municipal salientou “o desfase entre os custos do proxecto publicado e os orzamentos do Estado e da Xunta destinados para o estuario”, xa que a medida comunicada polo Goberno central supera os 46 millóns de euros no seu orzamento “fronte aos 7 millóns de fondos previstos polo Ministerio para 2016 e os vindeiros anos”. García, quen esixiu “maior investimento para a ría por parte das administracións autonómica e central”, indicou que o Goberno local “agarda que este anuncio non quede só nas palabras” e sexa finalmente “efectivo”. “Polo delicado da intervención, non se debe escatimar en medios”, sinalou.

No relativo ás cuestións técnicas e formais da proposta de dragado, a concelleira cualificou de “insuficiente” o período de exposición pública “polo delicado do proxecto e do ecosistema”, dun mes, e esixiu ao Ministerio que “retome a proposta feita inicialmente de prolongar a exposición pública ata dous meses xa que require unha fonda análise por parte de todos os axentes implicados: administracións, universidades, asociacións veciñais, confrarías e ecoloxistas, entre outros”. Neste sentido, a edil anunciou que o Concello promoverá “un debate público onde estean representados diferentes sectores da cidadanía e especialistas para avaliar o proxecto” nas súas funcións sociais e ambientais “e facer a nosa achegas para atopar de forma conxunta as mellores solucións” que garantan unha “rexeneración ecolóxica e produtiva” da Ría do Burgo. “A rexeneración do estuario debe ter en conta toda a dinámica do litoral e os seus cambios nas últimas décadas se quere ser realmente efectiva e apoiar ao marisqueo”, afirmou García.

A edil de Medio Ambiente lembrou que “tan importantes como o dragado son as oportunas e suficientes medidas de restauración posterior”. Nesta liña, a concelleira incidiu de novo na necesidade de creación dunha comisión de seguimento e control das actuacións nas que estean representantes das administracións, centros de investigación como a Universidade da Coruña, colectivos e cidadanía “para avaliar o transcurso do proxecto”.

Entre as dúbidas máis salientables da operación de dragado atópanse a localización os lodos extraídos ou a viabilidade da explotación do marisco durante os 21 meses previstos de traballo segundo a información recollida no BOE. “Facer compatible as funcións produtiva e ecolóxica do estuario debe ser unha prioridade”, explica García. “Na Mesa da Ría o proxecto presenta moitas dúbidas relacionadas coa contaminación e salubridade do produto. Garantir a viabilidade da actividade para as traballadoras e traballadores é unha das nosas principais preocupacións e o Concello da Coruña apoiará ao colectivo nas súas demandas durante os necesarios paros na extracción”.

A %d blogueros les gusta esto: