Ayuntamiento 6th marzo 2019

O goberno local dá a coñecer o novo portal web municipal

by Victor Lamela

A concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, presentou esta o proxecto de mellora do portal municipal ​www.coruna.gal​, que a partir do mes de abril presentará un novo deseño e reestruturación da información, ademais de reagrupar máis de 40 páxinas webs municipais nunha mesma plataforma. A proposta, “cuxos contidos -sinalou Delso- están claramente orientados cara ao uso cidadán”, chega logo dun proceso de traballo de tres anos no que interveu tanto persoal técnico municipal coma usuarias da propia páxina. “Será un portal web máis sinxelo, que responderá ás demandas informativas da veciñanza que recibimos a través do 010 e da analítica web, e cun deseño máis adaptado aos novos tempos nos que o acceso é, maioritariamente, a través de dispositivos móbiles”, apuntou a edil, quen salientou que o obxectivo da mellora “non é outro que atender unha demanda continua, ademais dun compromiso da axenda dixital deste goberno, como é o de contar cun portal que sexa unha ferramenta útil e accesible, deseñada e planificada para o uso da veciñanza e que fomente, realmente, a interacción entre a administración e a cidadanía”.

Tal e como explicou a concelleira, a iniciativa enmárcase no programa de impulso a innovación e goberno aberto do executivo municipal que ten, como finalidade, “achegar a administración á cidadanía, fomentar o desenvolvemento das ferramentas dixitais e promover a transparencia”.

“Nestes anos puxemos en marcha diversas iniciativas, como a plataforma de software libre ​A Porta Aberta​, programas como ​Coruña Dixital e o ​Co-Lab​, os portais de ​Transparencia ou ​Onde van os meus impostos?,​ ou cursos de alfabetización dixital que favorezan e melloren as relacións e xestións entre Concello e veciñanza. Agora chega o momento de avanzar no web común, a ventá de María Pita no eido dixital, como é ​www.coruna.gal​”, sinalou Delso.

Desenvolvemento do novo portal

O novo portal culmina un proceso participado pola Administración local –por persoal técnico do Servizo de Innovación Tecnolóxica e departamento Creativo do Concello, ademais das e dos responsables webs dos distintos departamentos e servizos municipais–, asesoría externa e a propia veciñanza. “En setembro de 2017 puxemos en marcha un estudo de usabilidade e experiencia de usuario e para coñecer o uso real do portal por parte da veciñanza, as súas necesidades de información, os servizos máis demandados e que non existen no portal, e dar coa proposta de organización dos contidos máis próxima á cidadanía”, explicou a edil. No marco desde proceso, realizouse unha enquisa voluntaria á veciñanza sobre o uso do web, no que participaron 1.890 persoas, ademais de diversas consultas a persoal experto e un test con usuarias e usuarios habituais do portal. Durante todo este período, tivo lugar tamén, de xeito continuado, unha revisión da analítica web e, finalmente, recolléronse 1.216 opinións e achegas das usuarias de páxinas e servizos. “Falamos dun proxecto realizado case integramente con recursos propios, que ofrece unha resposta real ás necesidades das persoas usuarias do servizo, á vez que reduce considerablemente os custos que supón o mantemento de múltiples webs fóra da propia plataforma municipal”, apuntou Delso.

A través desta consulta, e logo dos traballos previos, detectáronse cuestións sobre a navegación no actual portal que impedían un acceso claro aos contidos solicitados –”organización caótica, linguaxe técnica ou complexa, dificultade para asociar a identidade corporativa, atomización de páxinas web ou buscador pouco avanzado, entre outras achegas que recibimos”, apuntou a edil–, especialmente a través dos dispositivos móbiles, que supoñen o 60% dos accesos awww.coruna.gal​.

“De todo este extenso proceso conclúense cuestións claras, como a necesidade de reorganizar os compoñentes e os contidos da web dun xeito máis próximo ao uso cidadán, dar maior prioridade aos temas máis solicitados en cada área ou servizo, así como aos eventos ou actividades municipais, ou implantar un procedemento para que permita introducir melloras de xeito continuado, á vez que as usuarias poden contar cunha canle para opinar sobre a utilidade dos contidos e da web”, explicou a concelleira de Participación.

A nova proposta

Deste xeito, e partindo desta base, o servizo de Innovación Tecnolóxica traballou nunha proposta de integración do universo de web municipal nun único portal –que supuxo, por exemplo, a incorporación de páxinas como Educación ou Museos Científicos nos últimos meses, ou das novas vinculadas á Axenda Urbana Coruña Próxima 2030, Eidus ou Transparencia–, “fronte ás ducias de páxinas que se atopan hoxe en día fóra desta plataforma tecnolóxica, e que dificultan, polo tanto, a organización da información ou o mantemento das mesmas” explicou a edil, que explicou que se dotou de homoxeneidade estilística e dunha identidade común a todos os webs e tivo, como liña prioritaria, as demandas informativas e os accesos ao portal, ademais de prestar atención ao uso a través dos dispositivos móbiles.

Así, o novo portal web municipal propón a creación dun menú temático de contidos centrado nas principais demandas veciñais –no lugar seguir, como até o de agora, unha estrutura administrativa–, a implementación dun asistente que permita guiar á cidadanía na procura de información precisa, a promoción dun buscador con maior relevancia e optimizado e a visualización das cuestións máis buscadas e visitadas, ademais dunha ruptura coa linguaxe administrativa “para achegala, definitivamente, ao uso habitual da veciñanza”, apuntou Delso.

Implantación das melloras

A primeira fase da implantación das melloras, que inclúen o novo menú por temas, buscador e configuración principal, está prevista para o mes de abril. Logo das primeiras semanas de posta en marcha e uso por parte da veciñanza, e de recibir as súas achegas, iniciarase o desenvolvemento da segunda fase de melloras, que inclúe a implantación da organización por distribución xeográfica –a través do Mapa de Distritos– ou incluso por perfís de idade ou interese. “Trátase dun proxecto vivo, en constante actualización, para que realmente sexa o máis útil e próximo á cidadanía”, manifestou Claudia Delso.

Para máis detalles sobre o novo portal web, pódese visitar ​https://vimeo.com/321233534​.

A %d blogueros les gusta esto: