coruna 09/09/2016

O Goberno local explicita a súa aposta por potenciar o sector pesqueiro da cidade a través da súa adhesión ao Grupo de Acción Local Pesqueira Golfo Ártabro Sur, que recibiu o visto e prace da Comisión de Emprego

by Victor Lamela

O Goberno local vén de explicitar a súa aposta por potenciar e apoiar as actividades do sector pesqueiro da Coruña ­­que ten carácter estratéxico tanto para a cidade como para toda a área metropolitana­­ coa súa proposta de adhesión ao Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Golfo Ártabro Sur. Esta vén de recibir o visto e prace da Comisión Informativa de Emprego e Economía Social, e a previsión do concelleiro do ramo, Alberto Lema, “é que sexa ratificada polo Pleno municipal na sesión do vindeiro luns, onde debe saír aprobada por maioría absoluta”.

GALP é unha asociación sen ánimo de lucro que ten como obxectivo a integración de administracións locais e entidades públicas dependentes das mesmas para que, de forma cooperativa, desenvolvan diversas iniciativas de impulso ao sector pesqueiro. Dividida en diversos subgrupos segundo os ámbitos xeográficos, o grupo Golfo Ártabro Sur, comprende, na actualidade e á espera da entrada definitiva como socio da Coruña, aos concellos de Arteixo, Bergondo, Cambre, Culleredo, Oleiros e Sada. “Cremos que o lugar natural da nosa cidade está nesta entidade, na que, por exemplo, xa está representada a Confraría de Pescadores da Coruña”, comentou o responsable de Emprego e Economía Social. “A pertenza a este grupo non ten ningún custe económico pero, ao contrario, si cremos que redundará en diversos beneficios para á cidade e o seu sector pesqueiro”, indicou Lema, quen destacou que “se trata doutra acción máis deste Goberno encamiñada a favorecer a cooperación e o traballo en rede co resto de municipios da comarca”. “Este Goberno sabe que xuntos e xuntas, deixando a un lado os intereses partidistas e pensando na cidadanía, sumamos. Esta proposta, que cremos será referendada polo Pleno, é unha mostra máis da nosa vontade”, reflexionou.

A %d blogueros les gusta esto: