coruna 23/10/2018

O Goberno local lamenta que o orzamentos autonómicos “resuman os incumprimentos que a Xunta acumula coa cidade e volvan relegar á Coruña como a cidade con menor investimento de Galicia”

by Victor Lamela

O Goberno local censura que o proxecto de orzamentos da Xunta de Galicia para o vindeiro ano “non trae ningunha nova iniciativa para a cidade e volve relegar á Coruña como á urbe á que o Goberno autonómico lle dedica un menor investimento”, motivos polo que o alcalde, Xulio Ferreiro, ​solicitou xa unha xuntanza de carácter urxente ao presidente da Xunta de Galicia. “O presuposto non é máis que un resumo dos incumprimentos e atrasos que a Xunta de Galicia acumula coa cidade e tamén unha maneira de deixar patente a súa falta de compromiso cos veciños e coas veciñas da Coruña a través de ausencias como as da estación intermodal ou a partida para a compra de terreos portuarios”, indica a concelleira de Facenda, Eugenia Vieito.

Como pon en evidencia a edil, os orzamentos da Xunta para A Coruña só inclúen como novidade a vontade de comezar a traballar na ampliación do Complexo Hospitalario da Coruña (CHUAC), un anuncio “benvido, pero manifestamente improvisado, ​como demostra o feito de non estar desenvolvida na memoria dos orzamentos”. “O resto dos grandes proxectos repiten porque van con demora na súa execución. Así acontece co Espazo Amizar, anunciado hai máis dun ano, e con dous equipamentos para os que o Concello cedeu gratuitamente parcelas municipais: a construción do novo colexio de Novo Mesoiro, que debía estar listo para o presente curso e non o está, e a nova residencia de maiores de Eirís”, censura a responsable municipal. Como resultado, a edil afirma que A Coruña é, un ano máis, “a cidade galega peor tratada polos orzamentos da Xunta”. As contas do executivo galego destinan menos de 50 euros de investimento por cada coruñés ou coruñesa, o que a sitúa como a de menor investimento, moi lonxe da media das sete cidades, que supera os 150 euros por habitante e da principal beneficiaria, que é a cidade de Vigo.

Para o Goberno local, o proxecto de orzamentos autonómicos reflicte tamén a falta de iniciativa da Xunta, en especial ao referido á estación intermodal, para a que volve aparecer unha partida de redacción dun proxecto “que xa tería que estar listo”, apunta o edil de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela. “Dende que se asinou o acordo entre todas as administracións implicadas para impulsar definitivamente a estación intermodal de San Cristóbal, a Xunta non moveu un papel. O resultado desa falta de iniciativa faise patente nestes orzamentos, que só destinan 150.000 euros, un 0,5% do que se prevé investir nesta materia no conxunto de Galicia, para este importantísimo equipamento de escala metropolitana”, afirma.

O tamén representante do Concello no consello da Autoridade Portuaria da Coruña salienta, así mesmo, outra ausencia nos presupostos, como é a falta dos fondos que o presidente da Xunta anunciou que pretendía investir na recuperación do bordo litoral da cidade, 20 millóns de euros, un compromiso que foi consecuencia dun acordo acadado a pasada primavera entre a Xunta e Puertos del Estado, “de costas ao Concello e á cidade da Coruña”. “Entendemos que a Xunta e o Estado renuncian a aquel protocolo de colaboración, que nunca se materializou nun convenio, pero que os fondos se recuperarán unha vez que todas as administración implicadas constituamos, canto antes e como propón o Concello, un consorcio público para liderar dende o sector público a transformación destes terreos”, considera Varela.

Por último, o Goberno local lembra que, no pasado exercicio, fixo chegar tanto á Xunta como a todos os grupos parlamentarios “ducias de propostas” para impulsar o seu investimento na cidade, tanto a iniciativa do executivo local como do resto de grupos da corporación. “Ningunha desas propostas foi atendida, nin daquela nin agora. Este proxecto de orzamentos nin conta coa Coruña nin conta co Concello da Coruña”, lamenta Vieito.

A %d blogueros les gusta esto: