coruna 28th febrero 2018

O goberno local levará a Pleno a aprobación definitiva do estudo detalle para a ordenación de volumes de Riazor, “trámite que impulsa o proceso para acometer o demandado cambio de cubertas no estadio”

by Victor Lamela

A Concellería de Rexeneración Urbana, dirixida por Xiao Varela, levará ao próximo Pleno ordinario de marzo á aprobación definitiva do estudo detalle para a ordenación de volumes do estadio de Riazor, trámite necesario para poder acometer as obras previstas de reforma e conservación da cuberta e das estruturas metálicas das bancadas do recinto deportivo. “O estudo de detalle ten por obxecto o reaxuste de alineacións, a ordenación de volumes e o estabelecemento de condicións estéticas de composición da zona de Riazor, onde este verán se acometerá a obra de maior volume de investimento do mandato”, comentou o responsable municipal. “A aprobación deste trámite tradúcese, de forma efectiva, no impulso a unha actuación amplamente demandada, que redundará na seguridade das miles de persoas que cada dúas semanas se achegan a este espazo que, ademais, xoga un papel importante na imaxe promocional da nosa cidade no exterior”, indicou o edil, que recordou que, tras a súa aprobación inicial, o estudo detalle pasou por un prazo de exposición pública que rematou sen alegacións.

“A aprobación do estudo detalle é un trámite que adapta o proxecto e o proceso de construción ás determinacións urbanísticas vixentes, de forma que evitemos caer en erros do pasado”, comentou o titular de Rexeneración Urbana, que recordou como “durante o seu mandato municipal, o PP, por exemplo, aprobou un proxecto para a praza José Toubes que non se adaptaba ao planeamento”. “Este procedemento, que esperamos aprobar na próxima sesión plenaria, é un paso máis que, ademais, está adecuado ao cronograma que temos previsto coa adxudicataria das obras, cuxo proxecto reduciu de forma considerable os tempos de obra previstos”, explicou.

Ao fío, Varela quixo salientar “a dilixencia coa que se abordou toda a planificación desta importante obra, que se levará a cabo sen alterar o calendario de partidos que congrega a miles de coruñeses e coruñesas en Riazor”. “No proceso de estudo do anteproxecto de reforma da cuberta, os servizos municipais, aos que felicitamos por todo o traballo realizado neste proxecto, ditaminaron que era necesario tramitar un estudo de detalle para a formalización da obra”, explicou.

A %d blogueros les gusta esto: