coruna 05/12/2015

O Goberno local levará a Pleno ás reivindicacións do persoal de Correos e reclamará ao executivo central “que garanta o bo funcionamento do servizo público”

by Victor Lamela

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, reuniuse con representantes do cadro de persoal da empresa pública Correos na Coruña, cos que se comprometeu a que o grupo de Goberno levará ao Pleno municipal unha moción que recolla as súas reivindicacións, de cara a que sexa aprobada de forma unánime por toda a Corporación, que desta forma “amosará a súa solidariedade e compromiso para tratar de que o Goberno central atenda ás reclamacións deste colectivo, así como que o correcto reparto de envíos quede garantido na nosa cidade”.

Os e as representantes do cadro de persoal entregaron ao rexedor unha copia gráfica “de máis de 1.000 partes de incidencia no reparto diario do servizo de Correos na Coruña no último ano e medio”. “É importante que o adecuado funcionamento deste servizo público en todo o Estado estea garantido por parte do Goberno central, como administración con responsabilidade na materia, sobre todo, nun momento do ano coma este, no que os envíos medran tanto polo Nadal, como pola convocatoria electoral”, comentou o primeiro edil coruñés. “O Executivo central ten que asegurarse de que a empresa conta con cadro de persoal suficiente para poder abordar todo o traballo que se vén enriba”, indicou o alcalde, que engadiu: “Na reunión, os e as traballadoras de Correos dixéronnos que na cidade se perderon 17 postos de traballo en ano e medio, o que dificulta o reparto diario”.

Por todos estes motivo, o Goberno local acordou dar voz a este colectivo, levando as súas peticións ao próximo Pleno municipal.

A %d blogueros les gusta esto: