coruna 27/11/2016

O Goberno local levará ao Pleno de decembro a modificación puntual do PXOM na praza de José Toubes, necesaria para poder dotar o edificio do ‘Remanso’ dun uso cidadán

by Victor Lamela

O Goberno local levará ao próximo Pleno ordinario, fixado para o vindeiro 12 de decembro, unha proposta de modificación puntual do PXOM co obxecto de cambiar a cualificación urbanística dunha parte do sistema local de espazo libre que existe na praza de José Toubes, en Catro Camiños, co obxectivo de adecuar o planeamento como sistema local de equipamento público para poder dar uso cidadán ao edificio da antiga cafetería ‘O Remanso’. Tal e como fai notar o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, trátase dun paso previo necesario, de acordo coa legalidade, para poder acometer a reforma do inmoble, construído sobre o parque, para rehabilitalo e que este poida convertirse nun equipamento público municipal co que prestar servizo ao barrio de Catro Camiños.

Esta modificación puntual do planeamento responde, segundo indica o concelleiro, á politica municipal en materia de rehabilitación e renovación de edificación, que neste caso serve para dar cabida a un novo equipamento público, de xeito que non diminúe de xeito efectivo a superficie do espazo libre sobre o que se asenta. Ao mesmo tempo, a proposta contempla a ampliación da superficie destinada a espazo de titularidade pública, a través da recualificación dos terreos situados baixo o Viaduto da Vedra, no treito fronte á igrexa de San Pedro de Mezonzo. A proposta de modificación puntual do PXOM será sometida ao Pleno para a súa aprobación provisional, unha vez pasados todos os trámites preceptivos despois da aprobación inicial do documento polo plenario da corporación local a principios de ano, e como paso previo para poder ser remitida posteriormente á Xunta para a aprobación definitiva. A modificación require da maioría absoluta do Pleno para salír adiante.

Por outra banda, o Goberno local prevé levar á mesma sesión plenaria de decembro a proposta de aprobación definitiva do estudo de detalle para a ordenación de volumes que permitirá a execución dunha nova zona de xogos cuberta no patio do CEIP San Francisco Javier, que se ubica na rolda de Outeiro, 70. Como no caso anterior, o trámite require do voto favorable da maioría absoluta do plenario, e chegará á sesión de decembro despois de recibir os informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e da Dirección Xeral de Aviación Civil. Tal e como indica o responsable municipal de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, o estudo de detalle ten por obxecto realizar a ordenación de volumes para poder construír unha “cuberta lixeira” nunha parte da parcela do centro de ensino, que protexa este sector da intemperie para que poida ser utilizado polos e polas escolares para actividades deportivas ou de lecer durante os días de choiva.

A %d blogueros les gusta esto: