coruna 30th junio 2018

O goberno local mellora e amplía o sistema de bocas de rego con 931 dispositivos en toda a cidade, “que contribuirán a unha maior limpeza viaria e ao coidado de parques e xardíns”

by Victor Lamela

A Xunta de goberno local deu luz verde este venres á adxudicación do contrato para o subministro e montaxe de bocas de rego en toda a cidade, o que facilitará e mellora as tarefas tanto de limpeza viaria como de mantemento e coidado de parques, xardíns e zonas verdes. Cun orzamento de 289.000 euros e un prazo de execución de 7 meses, forma parte dos proxectos que o executivo local aborda dentro dos denominados investimentos financeiramente sostibles (IFS), que foron aprobados a finais do pasado ano polo Pleno municipal e que se sosteñen sobre o remanente do ano 2016. Na súa comparecencia ante os medios, o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, salientou que a reunión do goberno local aprobou esta adxudicación logo de que a semana pasada se dese o visto e prace a outra intervención moi demandada que forma parte do paquete de investimentos dos IFS, como é a renovación do firme dos Rosais. “Neste momento, tamén temos pendentes de impulsar de forma inminente outras intervencións para a mellora do espazo público que serán pagadas con ese remanente como é o caso das obras de mellora e modernización da iluminación pública nos Rosais, Labañou, San Roque de Fóra, Cidade Escolar e un tramo da Rolda de Outeiro, ademais da instalación de luminarias de alta eficiencia na Grela-Bens ou a ampliación da iluminación en Matogrande.

Coa aplicación deste contrato, A Coruña pasará a ter 931 bocas de rego, un 16% máis das que ten na actualidade. Ao fío, o alcalde salientou que este contrato, posto en marcha pola Concellería de Medio Ambiente, non só inclúe o incremento de dispositivos, senón que tamén contempla o cambio ou reparación daqueles que, na actualidade, presentan algún tipo de deficiencia. En concreto, das 931 bocas de rego que se repartirán por toda a cidade, 394 serán completamente novas. Desta cantidade, 324 estarán ubicadas na cidade, mentres que 41 se localizarán no polígono da Grela e 28 en Pocomaco. Ademais, 496 das actuais serán substituídas e 41 das mesmas serán reparadas.

Por outro lado, e sobre a actividade do goberno, o alcalde deu conta dos expedientes relativos a licenzas e comunicacións previas tramitadas entre o 13 e o 26 de xuño inferiores a 1,2 millóns de euros polo departamento de Rexeneración Urbana, que dirixe Xiao Varela. Neses 15 días, a administración local tramitou 230 expedientes, entre os que destacan 41 licenzas urbanísticas, 109 comunicacións previas ao inicio de obras e 61 comunicacións previas ao inicio de actividades ou apertura de establecementos.

Ao respecto de actuacións impulsadas polo executivo municipal, Ferreiro salientou o traballo que está a desenvolver para a reparación do firme da calzada da Rolda de Outeiro, así como a mellora da accesibilidade e da seguridade, co tratamento tamén da sinalización e os pasos de peóns. O primeiro edil salientou que a Xunta de goberno local concedeu este venres unha prórroga de tres meses ao contrato para a renovación e rehabilitación dos firmes dos tramos comprendidos entre a avenida do Ferrocarril e a rúa Mercede “debido a que a situación meteorolóxica dos últimos meses impediu que se puidesen rematar no prazo estipulado”. Con todo, o alcalde destacou o importe traballo de rexeneración urbana que se está a acometer nesta arteria da cidade, xa que esta mesma semana se adxudicou o contrato para o derradeiro tramo no que se actuará dentro do proxecto en marcha, e que comprende o espazo entre as avenidas de Arteixo e do Ferrocarril. Por agora, o executivo municipal leva investido nesta vía preto de 830.000 euros repartidos en 2.130 metros de lonxitude.

A %d blogueros les gusta esto: