coruna 1st marzo 2018

O goberno local pon en marcha o proceso de Orzamentos Participativos deste exercicio coa licitación do novo contrato para a organización do programa

by Victor Lamela

A Concellería de Participación e Innovación Democrática iniciará, nos vindeiros días, o proceso de licitación para a contratación do servizo de organización e desenvolvemento dos Orzamentos Participativos. O programa, posto en marcha polo goberno local no ano 2016, naceu co obxectivo de implicar á cidadanía na elaboración dos presupostos municipais, a través da decisión directa sobre o destino dunha parte do Orzamento. En concreto, do capítulo de investimentos. Así, coa publicación dos pregos no Perfil do Contratante, a área que dirixe Claudia Delso pon en marcha, por terceiro ano consecutivo, unha ferramenta de democracia directa que permite á veciñanza da Coruña, maior de 16 anos, realizar propostas concretas de investimento, apoialas e votalas a través do portal http://aportaaberta.coruna.es para a súa incorporación ao presuposto do Concello do seguinte exercicio. Se na primeira edición o goberno local destinou 1.000.000 de euros ao programa, o pasado curso o importe ascendeu a 3.000.000 de euros, dos cales un destinouse a investimentos xerais para a cidade, mentres que o restante se dividiu, equitativamente, entre os 10 distritos recollidos no Mapa de Distritos.

O proceso de Orzamentos Participativos divídese en catro fases. A primeira delas, é a fase informativa, de debate e de recollida de propostas, na que a veciñanza pode facer as súas achegas a través do portal municipal A Porta Aberta , así como nos espazos de apoio con persoal habilitado, que ofrece información e asistencia, como as Bibliotecas Municipais, o Centro Municipal de Información Xuvenil e outros que se poidan sumar ao proxecto, ademais dos encontros presenciais que teñan lugar nos equipamentos municipais ou coas entidades inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións Coruñesas, REMAC. A seguinte fase, de apoio, iníciase coa avaliación, por parte de técnicos municipais, das achegas veciñais en relación a diferentes criterios: que as propostas sexan legais, de competencia municipais e que supoñan un investimento. A contniuación, calquera persoa maior de 16 anos e empadroada na Coruña pode apoiar as propostas que decida para que estas pasen á fase de avaliación, na que o persoal do Concello avaliará que as propostas máis apoiadas sexan viables técnicamente e que o seu custo non supere os importes máximos permitidos. Finalmente, producirase a cuarta fase, a da votación final, da que sairán as propostas escollidas pola veciñanza para incorporalas ao Proxecto Inicial do Orzamento Xeral do Concello da Coruña.

A organización e desenvolvemento deste programa é a finalidade do contrato que se publicará nos vindeiros días, e cuxo importe máximo de licitación será de 50.000 euros, IVE incluído. Entre as funcións que deberá realizar a adxudicataria, atópanse os servizos de información e comunicación xeral, así como de mediación coa cidadanía; a organización, mediación e produción dos encontros presenciais, así como a organización de eventos de rúa ou a impartición de xornadas formativas. Para o desenvolvemento deste programa, a adxudicataria deberá dispoñer de persoal técnico e auxiliar necesario para a correcta execución dos Orzamentos Participativos nos prazos previstos, o que inclúe, como mínimo, persoal para coordinar o contrato, monitor de actividades infantís para os espazos de concicliación nos encontros de debate, que tamén precisarán persoas facilitadoras; así como persoal animador dos eventos de rúa ou formador de informática.

A %d blogueros les gusta esto: