coruna 12/14/2018

O goberno local presenta a aplicación ‘Coruña Millennium Próxima’, que permitirá o pago e recarga do servizo do transporte público urbano a través do teléfono móbil

by Victor Lamela

A tarxeta Millennium chegará aos dispositivos móbiles no mes de marzo. A edil de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, e o concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, presentaron o proxecto ​Coruña Millennium Próxima,​ unha aplicación que permitirá que a veciñanza poida efectuar o pago no servizo de transporte público urbano, así como a recarga da tarxeta moedeiro municipal, desde o seu propio teléfono móbil. A iniciativa, tal e como explicou a concelleira, propón axilizar o sistema de pago no autobús, ademais de axudar a aumentar a velocidade comercial do transporte público e a atención da administración á cidadanía desde unha perspectiva “acorde aos tempos, máis eficiente, áxil e tecnolóxica”.

A aplicación nace da fusión de dúas propostas gañadoras nos Orzamentos Participativos do ano 2016. A primeira delas solicitaba, por unha banda, que o transporte público se puidese pagar dende o teléfono móbil, ademais de facilitar a recarga do cartón sen ter que realizar un desprazamento físico a un caixeiro ou unha oficina bancaria. A segunda iniciativa veciñal instaba a poder xestionar en liña a tarxeta, co obxectivo de poder solicitala ou consultar, desde o teléfono, tanto o saldo como como realizar a recarga de abonos pendentes. “Estamos a falar dun proxecto complexo, impulsado desde a área de Innovación Tecnolóxica e no que o Concello investiu 60.000 euros”, explicou Delso, quen destacou “a negociación e chegada a acordos tanto coa Compañía de Tranvías para a instalación dos dispositivos nos autobuses como con Abanca, responsable da pasarela de pago, para poder garantir a viabilidade da aplicación”.

A aplicación ​Coruña Millennium Próxima c​omezará a vindeira semana o período de probas entre un grupo de persoas usuarias da liña de autobús 1A, na que se instalará un novo dispositivo para poder ofrecer este servizo. Este prazo, “no que se poderán introducir melloras”, segundo apuntou Delso, estará operativo até o mes de febreiro. A previsión é que, a partir do mes de marzo, a aplicación poida estar dispoñible para a súa descarga gratuíta, para toda a cidadanía, en Google Play. Tal e como expuxo a concelleira, o servizo poderase utilizar, polo momento, desde dispositivos con sistema operativo Android con tecnoloxía NFC.

“Calquera persoa, sexa residente ou non na Coruña, poderá ter a ​Millennium Próxima no seu móbil sen ter que acudir ás oficinas municipais, e poderá recargala sen pasar por un caixeiro. Tan só precisará realizar un rexistro previo”, salientou Delso, quen avanzou que o sistema de rexistro será a través da plataforma ​A Porta Aberta,​ que na actualidade conta con máis de 8.000 persoas usuarias. “Desde o goberno local estamos a traballar, desde hai tempo, para avanzar no obxectivo de contar cun só rexistro, unha ventaniña única, na identificación da cidadanía do Concello”, aseverou a edil. Deste xeito, todas aquelas persoas que se atopen rexistradas no portal que sustenta, por exemplo, o proceso de Orzamentos Participativos, non terán que formalizar a súa alta de novo, senón que poderán introducir o seu usuario para facer uso, desde o seu móbil, deCoruña Millennium Próxima. “Esta app introduce unha funcionalidade clave a medio-longo prazo, como é a identificación dixital. Grazas ao rexistro único, e mediante códigos QR, a idea do goberno é integrar a aplicación con outros servizos municipais e que a veciñanza poida utilizar tamén a aplicación cos usos da actual Millennium en BiciCoruña ou nas bibliotecas”, apuntou.

Funcionamento

O responsable de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, explicou o funcionamento da app, que consistirá na aproximación do dispositivo móbil á canceladora dos autobuses, que efectuarán de inmediato a rebaixa no saldo da persoa usuaria. “​Coruña Millennium Próxima replicará á tarxeta física. No momento da descarga da app, e tras a primeira recarga, a cidadanía poderá acceder, entre outras cuestións, á tarifa reducida do perfil xeral que ofrece a tarxeta, e que supoñen actualmente 0,85€ por viaxe, ou mesmo á realización de transbordos gratuítos”, dixo Grandío, quen aseverou que, ao igual que a tarxeta física, a app “será personalizada e segura, e dará acceso a un perfil de tarifa concreto”.

Tal e como explicou o concelleiro, a persoa usuaria poderá consultar na aplicación o estado do seu moedeiro, recargar o saldo, xestionar o seu perfil, facer as recargas de abonos pendentes –como é o caso daquelas usuarias da tarifa plana, por exemplo–, ou consultar, por exemplo, histórico de viaxes, “unha iniciativa innovadora, que permite acceder aos percorridos realizados, un servizo que, até o de agora, só se podía coñecer mediante solicitude dun certificado en papel á Compañía de Tranvías”. Ao fío, o edil destacou as vantaxes que supón o lanzamento, tanto no aforro de tempo para as persoas usuarias, “que non se terán que desprazar até os rexistros ou oficinas da Estación de Autobuses para a súa solicitude”, como para o propio servizo de transporte público, xa que o uso da aplicación “incidirá tamén na mellora da velocidade comercial dos autobuses, ao reducir os tempos dos pagos á persoa condutora”.

Coruña Millennium Próxima t​ amén dará a posibilidade de recibir e personalizar as notificacións relevantes sobre incidencias no servizo de transporte ou da cidade, como o incidencias puntuais de paradas ou problema do tránsito da súa liña. Por último, en relación á aplicación, Daniel Díaz Grandío puxo en valor a “seguridade” que ofrece a app, “non só por ser, como a tarxeta física, persoal, senón tamén polo seu acceso a través do sensor de pegada dixital”.

A %d blogueros les gusta esto: