Ayuntamiento 27/02/2019

O Goberno local presenta a Estratexia de Infraestrutura Verde da Coruña, que permitirá planificar unha cidade con máis natureza e que reverta en beneficios ambientais e sociais

by Victor Lamela

O Goberno local presentou a Estratexia de Infraestrutura Verde da Coruña, un documento que analiza os déficits e riscos ambientais da cidade, a súa configuración e as vulnerabilidade sociais para, a partir disto, definir os criterios e a planificación dun crecemento da natureza na cidade que serva para paliar estas situacións e tamén para conectar, mediante unha rede, “espazos multifuncionais de confort ambiental e físico”. A concelleira de Medio Ambiente, María García, deu a coñecer o documento de inicio da estratexia, que comezará o vindeiro xoves un período de exposición pública dun mes e medio para poder recabar as aportacións da cidadanía. Para facilitar o coñecemento do documento, o Goberno local ten prevista unha presentación pública, aberta a toda a veciñanza e seguida dun roteiro, que se celebrará o vindeiro xoves día 28 ás 18.30 horas no centro cívico da Cidade Vella, así como un proceso de participación.

A Estratexia de Infraestrutura Verde proporciona unha rede de zonas naturais planificadas cos elementos precisos para mellorar a calidade de vida da cidadanía e tamén a ambiental. Tal e como indicou García, esta estratexia contribúe a afianzar o modelo de cidade próxima a través da análise conxunta, por primeira vez, dos riscos ambientais (entre os que se avalían a contaminación, o ruído ou a accesibilidade e proximidade a zonas verdes) e de vulnerabilidade social (onde viven as poboacións máis vulnerables, as persoas maiores ou con menor mobilidade ou áreas con risco de xentrificación) que se dan nas cidades para elaborar un plan de acción que contribúa a facer unha cidade máis natural e saudable. Así, unha rede de infraestrutura verde nas cidades planificada axuda a regular as temperaturas, a purificar o aire, a reducir o ruído ou a mitigar outros efectos do cambio climático ao tempo que ofrece rutas de transporte alternativas, espazos saudables de lecer e beneficios para a saúde física, psíquica e do ecosistema.

“A Coruña sitúase así xunto a cidades de ámbito internacional, como Nova York ou París, ou a nivel estatal como Barcelona, ​​Madrid, Zaragoza ou Vitoria, que están a liderar dende o municipalismo a loita contra o cambio climático e a facer cidades máis saudables empregando solucións baseadas na natureza para a súa rexeneración”, indicou García, que estivo acompañada na presentación polo responsable de Rexeneración Urbana e Acceso á Vivenda, Xiao Varela. O edil salientou a relevancia dun documento que “atravesará todas as políticas de intervención do espazo público e que é clave para a rexeneración urbana da cidade”. Ao respecto, apuntou que dará visión estratéxica a un traballo que xa está iniciado polo Goberno local, xa que “todas as concellerías que teñen impacto no espazo público veñen operando dunha maneira coherente con esta estratexia, e tamén con programas como o Eidus, a Cidade Próxima, Connecting Nature ou a estratexia para o cambio climático”. O edil destacou tamén que a elaboración desta estratexia, que a Unión Europea reclama aos estados e ás comunidades autónomas pero non aos municipios, vai permitir que A Coruña estea en mellor disposición para acceder a liñas de axudas europeas nos vindeiros anos.

Rede verde

A lnfraestrutura Verde está configurada como unha rede de espazos que se conectan entre si e que son transitables dende todos os barrios “para que todas e todos poidamos ter un acceso máis igualitario aos espazos verdes e aos beneficios que nos proporcionan para a saúde”. Unha rede que se creará en base aos obxectivos identificados na estratexia e para os que se propoñen unhas directrices de actuación. Isto aplicarase nunha segunda fase de actuación, que se materializará no desenvolvemento dun plan de acción para o período 2019 a 2023.

Así, os obxectivos que marca a estratexia pasan por preservar, mellorar, aumentar e conectar o patrimonio natural da cidade, do que sería unha directriz ​achegar espazos verdes aos polígonos industriais; mellorar a calidade do aire e o confort ambiental da cidade e reducir a súa pegada de carbono; recuperar o ciclo integral da auga no concello; planificar as áreas verdes urbanas con criterios de equidade e conectividade social; fomentar os espazos verdes convivenciais, deseñados pensando na saúde física e psicosocial; divulgar o coñecemento dos valores da infraestrutura verde e a biodiversidade e promover a participación e implicación cidadá e, por último, impulsar o I+D no relativo á xestión e conservación da infraestrutura verde.

Planificación

A estratexia diferencia catro tipos de espazos segundo a protección e densidade da cidade como son: a zona Pepri, na que se realizarán actuacións puntuais que Varela denominou de acupuntura verde urbana; a área consolidada da cidade “onde temos capacidade de actuacións nos equipamentos, nas prazas e nas rúas para facilitar a naturalización da cidade”; as áreas de transición e o anel verde exterior. Ademais, o documento previo identifica espazos de actuación potencial a curto prazo “dentro da lóxica de tecer e reconectar a cidade a través de intervencións de infraestrutura verde”, no que están salientados as áreas clave para mellorar a conexión; as áreas prioritarias de actuación, que serán nunha primeira fase sobre terreo e instalacións municipais; e as zonas verdes existentes. Por último, o traballo previo de elaboración da estratexia planificou conectores, que son eixos de intervención “que serven para vertebrar a cidade e que teñen en consideración a dimensión ambiental e social”, e corredores, que inciden na dimensión natural e de biodiversidade.

A %d blogueros les gusta esto: