Trafico 5th marzo 2019

O goberno local presenta o proxecto de humanización da rolda de Nelle

by Victor Lamela

​O goberno local, representado na figura do alcalde, Xulio Ferreiro, e o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, presentou tanto á prensa como á veciñanza da zona o proxecto municipal para a humanización da rolda de Nelle, unha actuación que ten un presuposto estimado de licitación de 1,2 millóns de euros, unha duración de 12 meses e que comprende tanto a demolición do viaduto (que conlevará un 40% dos fondos) como a reurbanización da contorna. Os representantes municipais salientaron que con esta intervención dáse resposta unha demanda veciñal “que se vén arrastrando, practicamente, dende a época na que se construíu o viaduto, hai 40 anos, en tempos de Liaño Flores”. A contía para facer fronte a este proxecto estaba prevista xa no proxecto orzamentario de 2019 que foi rexeitado polo Pleno municipal. “Non obstante, figura tamén incluída dentro do modificativo sobre o orzamento prorrogado aprobado a pasada semana pola Xunta de goberno local, que esperamos que sexa ratificado polo Pleno o vindeiro día 11”, destacou o rexedor.

En rolda de prensa, o concelleiro Varela destacou que a demolición e urbanización da contorna do viaduto da rolda de Nelle é posible, entre outras cuestións, “porque así o permiten as condicións de mobilidade actuais”. De feito, e segundo os datos recabados polo executivo municipal, a intensidade media de tráfico na zona, en sentido Riazor, reduciuse un 40% dende o 2003. “A situación actual, con moita menor densidade de vehículos, permítenos facer realidade esta antiga demanda”, salientou. “O proxecto que hoxe presentamos comporta unha operación de transformación radical desta zona e supón un punto de inflexión no traballo que levamos catro anos realizando para a transformación do modelo de cidade cara a un espazo público de calidade e de fomento da mobilidade branda”, xa que contempla a implantación de carril bici da zona, así como unha mellora notable da accesibilidade.

Á marxe da demolición do viaduto, o proxecto presentado esta mañá comporta o mantemento de catro carrís na vía, tendo en conta que “aínda que o tráfico diminuíu de forma notable, a rolda de Nelle segue a ser unha arteria principal de evacuación”, e a construción dun carril para o uso da bicicleta en sentido subida, que irá acompañada da instalación na contorna dunha estación de BiciCoruña, así como aparcabicis para a veciñanza. No que atinxe á mobilidade, a obra suporá a habilitación dun novo paso de peóns no cruce coa avenida de Fisterra, e a eliminación dos xiros á esquerda, “xa que era un tráfico residual do 5% o que realizaba esta manobra, que agora poderá seguir acometendo con alternativas cos desvíos en Vila de Cee e rúa Vistalegre”. “No terreo da accesibilidade, a intervención servirá tamén para ampliar as beirarrúas e a superficie peonil no cruce superior”, destacou o concelleiro de Rexeneración Urbana. Por último, e tendo en conta a necesidade de humanizar a zona, o proxecto tamén prevé a introdución de arborado coa plantación de 25 novos exemplares, ademais da renovación de mobiliario urbano e a creación de espazos de estancia.

“Á espera de limar algúns detalles co proxecto para levalo canto antes á Xunta de goberno local, a intención do goberno local é por poder iniciar a licitación da obra antes de finalizar o mandato. Se somos quen de sacar adiante o modificativo, a previsión podería cumprirse”, salientou o titular de Rexeneración Urbana.

Cortes de tráfico

Durante o período de execución das obras e para evitar prexuízos á cidadanía, a intención do goberno local é que a rolda de Nelle non sufra cortes de tráfico durante o día. “É unha arteria que precisa manter a súa operatividade polo que a nosa intención é que os cortes sexan puntuais e se realicen durante a noite, cando se irán retirando materiais do proceso de desmontaxe grazas ao uso de transportes especiais”, explicou. “Estamos traballando para que o impacto sexa mínimo. De feito, a pesar da entidade da obra e o cambio no espazo público contabilizamos unha perda mínima de prazas de aparcamento”, salientou, á vez que apuntou a que se reubicarán nas proximidades tres prazas de mobilidade reducida e unha zona de carga e descarga.

A %d blogueros les gusta esto: