coruna 25/11/2016

O Goberno local presenta o seu proxecto orzamentario para 2017, que ten como grandes eixes o dereito á vivenda e a unha vida digna, cunha economía centrada nas persoas, o coidado do espazo público, a mobilidade sostible e a aposta metropolitana

by Victor Lamela

A concelleira de Facenda, Eugenia Vieito, presentou aos grupos da oposición o proxecto do Goberno local para a elaboración dos Orzamentos Municipais da Coruña para 2017. “Abrimos dende este momento un proceso intensivo de diálogo con todos eles que agardamos que nos permita chegar a acordos que garantan a aprobación definitiva deste proxecto e a súa entrada en vigor no mes de xaneiro”, explicou a responsable municipal, que indicou que o Executivo municipal “está aberto a incorporar as achegas concretas e cuantificadas que formulen os grupos, sempre que sexan viables e compatibles cos obxectivos básicosquepropoñemos”. Aresponsablemunicipalexplicouqueoproxectoorzamentarioparao vindeiro ano pivota sobre seis eixes de acción prioritarios como son: Dereito á Vivenda, Coidado do Espazo Público, Mobilidade Sostible, Economía para as Persoas, Aposta pola Área Metropolitana e Dereito a unha Vida Digna. “Trátase dunha continuación do proxecto comenzado cos Orzamentos de 2016, que se fundamentaban na construción dunha Cidade Viva, Sostible, Aberta e Participativa e dirixida ás Persoas”, recordou a concelleira. “Cremos firmemente que todos estes proxectos responden ás necesidades da maioría social, polo que tentaremos, a partir de agora, chegar a acordos con todos os grupos, por iso lles entregamos a documentación necesaria para que poidan realizar propostas e chegar a un entendemento que tamén supoña que as súas achegas poidan ser incluídas”, dixo.

unnamed

Vieito explicou que este ano, o escenario xeral de ingresos para todas as administracións municipais está fortemente condicionado pola ausencia de previsións orzamentarias tanto no Estado como na Xunta de Galicia. “Aproximadamente un terzo dos ingresos totais do concello proceden de transferencias destas institucións públicas. A falta de contas pola súa parte, e incluso de proxecto, fai que os concellos teñamos que orzamentar as súas transferencias en termos constantes”, indicou, para engadir: “Esperamos que de aquí a aprobación final deste proxecto de orzamentos poidamos dispor de datos definitivos sobre eses ingresos”. Con estas limitacións de partida, os ingresos totais do Concello da Coruña para 2017 ascenden a 244.780.000 euros, 280.000 euros máis (un 0,11%) que nas previsións iniciais de 2016.

As principais diferencias con respecto aos ingresos de 2016 radican no Capítulo 3, correspondente a Taxas, Prezos Públicos e Outros Ingresos, que rexistra unha caída de 2,6 millóns de euros, un 5,1% menos, “debido fundamentalmente a que hai unha menor previsión de ingresos polas cotas de urbanización do Ofimático, en base ao acordo impulsado polo Goberno local coa Xunta e os grandes promotores para tratar de acadar unha solución a unha problemática urbanística que leva décadas enquistada na cidade”, sinalou Vieito. O Capítulo 4, de Transferencias Correntes, experimenta un crecemento de 849.554 euros como consecuencia das maiores achegas da Deputación e outros entes de carácter tanto público como privado. Pola súa banda o Capítulo 5, de Ingresos Patrimoniais, medra nun 1,93% polos maiores ingresos derivados do canon da concesión da ORA. O Capítulo 6 (Alleamentos Reais) é o que experimenta un maior crecemento. En concreto, 2,7 millóns de euros como consecuencia da venda prevista de terreos municipais situados no polígono da Grela. “O Capítulo 7, de Transferencias de Capital, é o que se ve máis afectado pola ausencia de previsións orzamentarias, ao non ter aínda os orzamentos da administración central nin da autonómica”, comentou Vieito, que tamén destacou que o Capítulo 9, dedicado a Pasivos Financeiros, redúcese en máis de 685.000 euros “polas menores necesidades de endebedamento, derivadas da operación de refinanciamento da débeda municipal posta en marcha polo Goberno local en decembro de 2015”.

Gastos

“Este Goberno entende a vivenda como un dereito fundamental da cidadanía”, explicou a concelleira, quen destacou que o eixe de Dereito á Vivenda ten orzamentado un total de 5,2 millóns de euros, un 164,25% máis que en 2016. “As axudas para a rehabilitación de vivendas medrarán en máis do 55%, mentres que as destinadas á mellora da accesibilidade e a instalación de ascensores o fan un 20%”, comentou a edil, que destacou a nova liña de actuacións deste eixe que consiste “en incrementar o parque de vivenda púiblica, mediante a adquisición de solares e inmobles abandonados”. Trátase dunha liña prioritaria para a que se destinan máis de 2,5 millóns. “Ademais, a nosa intención é poñer en marcha varios programas de aloxamento temporal para colectivos en situación de risco”, destacou.

Outro dos eixos fundamentais é o Coidado do Espazo Público. “Neste eixe, de carácter prioritario, inclúense actuacións de todas as áreas do Goberno municipal que teñen que ver co mantemento, mellora e creación de novos espazos públicos, de relación e de convivencia”, comentou a concelleira, quen destacou que a cantidade total reservada para estas políticas é de máis de 36 millóns de euros. “A dotación deste eixe prioritario experimenta un incremento de case 5,5 millóns de euros con respecto a 2016, un crecemento próximo ao 18%, medrando o seu peso no total do proxecto presupostario”, dixo. Entre as partidas destacan 3,2 millóns de euros para a mellora das beirarrúas, 1,5 para pavimentación da calzadas ou outros 3,2 para actuacións de urbanización. “Máis de 6,1 millóns teñen como destino a mellora de parques e xardíns así como a renovación do contrato de mantemento, e máis de 10 millóns para renovar a xestión de residuos”, dixo. “Nas actuacións en espazo público previstas destacan tamén os 7,6 millóns para instalacións deportivas, partida na que se contempla por exemplo a cuberta de Riazor, así como o 1,4 millóns destinados a adquisición dos terreos da Solana e un millón de euros para a compra das instalacións deportivas da Fábrica de Armas, que constitúe tamén outro dos principais investimentos”, enumerou.

No campo da Mobilidade Sostible, “algúns dos proxectos que se contemplan pasan pola actualización das liñas de bus, a mellora da eficiencia do transporte urbano, a ampliación e conexión do carril-bici, así como a dotación de novas estacións e equipamentos de Bici-Coruña. O proxecto orzamentario destina máis de 16 millóns de euros ás políticas de mobilidade sostible, o que supón un incremento de 728.630 euros, un 4,7% máis, sobre os créditos iniciais de 2016.

O cuarto eixe, de políticas destinadas a ter unha Economía para as Persoas, está dotado en máis de 8,6 millóns de euros. “As políticas de promoción sectorial tamén serán reforzadas, nomeadamente, os investimentos en comercio e mercados que, no seu conxunto, reforzaranse con máis de 678.000 euros”, comentou a concelleira”, comentou a concelleira. Este proxecto presupostario contempla actuacións de carácter plurianual como a rehabilitación do Mercado de Santa Lucía (652.142 euros), cuxo proxecto e dirección de obra xa están en licitación, así como a reforma do mercado de Monte Alto, para o que está reservada unha anualidade de 352.000 euros. Tamén se proxectan melloras nas instalacións e equipamentos dos mercados de Adormideras, Elviña, San Agustín e Praza de Lugo.

Por outro lado, o proxecto orzamentario reflexa claramente a aposta do Goberno local pola creación dunha Área Metropolitana de carácter real onde se leven a cabo proxectos de carácter supramunicipal. “Entendemos que esta cidade non remata na ponte da Pasaxe e que existen politícas que deben ser abordadas de xeito conxunto por todos os concellos implicados. Sabemos que hai cuestións moi importantes que non só nos atinxen a nós, como é o caso dos sistemas de tratamento do lixo ou a eliminación de verteduras á Ría do Burgo”, indicou a edil, que destacou, en último lugar, a liña política destinada ao Dereito da Cidadanía a unha Vida Digna. “Queremos reafirmar, de novo, o noso compromiso cos servizos públicos e coas persoas que máis o necesitan. As políticas sociais son unha prioridade absoluta, polo que reciben unha cantidade final neste orzamento de 27,14 millóns de euros, un 3% máis que o ano pasado”, subliñou a concelleira de Facenda, quen destacou que “este eixe incrementa o seu peso relativo no total dos orzamentos até o 11,09%”, indicou. A Renda Social Municipal, as actividades para unha Coruña Libre de Violencias Machistas ou o reforzo do programa de canguraxe son algúns dos programas contemplados neste apartado.

“Todos estes proxectos son os que imos negociar co resto de grupos. Naceron como resposta ás necesidades da cidade e foron recollidos en distintos espazos de participación e da vontade deste goberno por traballar a favor da maioría social. Por iso, entendemos que non debería ser especialmente complicado chegar a un acordo cos grupos da oposición”, fixo notar Vieito.

Ao fío, quixo recordar que o proxecto orzamentario do Goberno local “incorpora por primeira vez na historia desta cidade proxectos seleccionados pola propia veciñanza, e que están recollidos no proceso desenvolvido de Orzamentos Participativos”. “Un millón de euros que se foi encaixando nas diferentes áreas para levar a cabo proxectos deseñados e votados pola cidadanía, como a instalación de paradas de bici-coruña nos barrios, a creación de parques caninos ou aprobacións de móbiles que permiten comunicar incidencias ao Concello ou recargar a tarxeta Millennium”, dixo.

Calendario

A concelleira de Facenda explicou que o resto de grupos municipais terá agora, de forma inicial, un período de dúas semanas para presentar as súas propostas. “Esperamos que sexan quen de presentar achegas concretas, que presupoñemos que xa están elaboradas en base ao seu traballo todo o ano. Por iso entendemos que é tempo suficiente para presentalas e para conseguir ter os orzamentos en vigor a principio de ano, algo que vemos prioritario para poder traballar polo ben da cidadanía”, comentou. “Os intereses da cidade teñen que estar por enriba dos partidistas e das críticas. Todos e todas debemos facer esforzos para conseguir ter uns presupostos listos xa desde principio de ano”, concluíu.

A %d blogueros les gusta esto: