coruna 12/12/2015

O Goberno local presenta un proxecto de Orzamentos para 2016 “realista” e que “fai prioritarias as políticas de gasto social e o investimento na mellora da vida da xente”

by Victor Lamela

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e a concelleira de Facenda e Administración, Eugenia Vieito, presentaron este venres o proxecto do Goberno local de Orzamentos para o ano que vén; uns presupostos que, segundo explicou o rexedor, “están baseados na visión e nas liñas políticas deste Executivo, así como adaptados á realidade económica e social existente, que provocou que teñamos unha serie de obrigas fundamentais coa cidadanía, como son mellorar a calidade de vida da nosa veciñanza e asegurar o benestar dunha parte da poboación que está seriamente afectada por este momento socioeconómico”. “Existe unha crise que xa é estrutural e que xerou un nivel de pobreza inasumible no noso concello, no que, ademais, como adoita ocorrer, as maiores prexudicadas en situacións de pobreza e exclusión son as mulleres”, engadiu.

unnamed

Por todo isto, o primeiro edil coruñés insistiu en que os Orzamentos que proxecta o Goberno local para o vindeiro ano “fan prioritarias aquelas políticas que teñen que ver co gasto social e co investimento da vida da xente”. O proxecto, indicou, xa foi remitido esta mesma mañá ao grupo municipal socialista, debido ao interés do Executivo municipal por “aprobar canto antes” este documento, aberto ao diálogo con todas as formacións con presencia na Corporación.

Para 2016, e de acordo coas previsións de ingresos, o orzamento total de gastos ascende a 242.350.000 euros, o que se traduce nunha minoración dos gastos totais en 9,65 millón de euros, un 3,83% menos a respecto do orzamento inicial de 2015. “A nosa é unha proposta realista –insistiu Ferreiro–, que ten en conta a realidade do ciclo económico que estamos a vivir e a rebaixa de ingresos que esperamos como consecuencia da reformulación de moitos tributos locais”. “Fronte a sobrestimación dos ingresos levada a cabo en anteriores exercicios polo anterior Goberno coa finalidade de ter máis gasto teoricamente dispoñible, as previsións de ingresos non se inflan deliberadamente de xeito artificial, senón que se corresponden coas previsións derivadas da evolución real e recadación efectiva dos distintos tributos e restantes capítulos de ingresos”, informou o rexedor. Nesa mesma liña, a concelleira de Facenda e Administración recalcou que os Orzamentos son “realistas” e están feitos “tendo en conta a evolución real da recadación efectiva”.

O primeiro edil coruñés destacou, por outro lado, que o vindeiro ano haberá un aforro en gastos correspondentes a grandes infraestruturas. “A urbanización do parque de San Pedro de Visma, o Adolfo Suárez, ou as obras da Mariña comían gran parte dos orzamentos”, aclarou. A terceira partida que se minora está relacionada co refinanciamento da débeda herdada de anos anteriores que acadou o Goberno local. “Hai que recordar que aforraremos nun ano tres millóns de euros”, subliñou. A este respecto, a responsable de Facenda incidiu tamén no “importante aforro de custos financeiros” que supón a operación, que ascenden a dous millóns de euros, “recursos que quedan liberados para destinar a outros gastos”, sinalou Vieito. “Potenciamos todas as áreas de Goberno que teñen que ver co gasto social e o emprego. A rebaixa en infraestruturas non é tanta, se temos en conta que xa non haberá obras na Mariña e en San Pedro de Visma. O noso documento aposta por priorizar a vida das persoas e a da cidade, o que non quere dicir que non teñamos previstas medidas de rexeneración urbana, especialmente encamiñadas cara a políticas de vivenda”, quixo deixar claro o rexedor.

O proxecto de Orzamentos, tal e como indicou Ferreiro durante a presentación, estrutúrase en catro grandes liñas de actuación, como son a Cidade para as Persoas (centrada en vivenda, emprego, promoción económica, educación servizos sociais e igualdade e diversidade), Cidade Sostible (Medio Ambiente e Mobilidade), Cidade Viva (Cultura e Deportes) e Cidade

Aberta e Participativa (atención á cidadanía e participación cidadá). “Hai un eixe principal, que é o das políticas sociais, en cumprimento do compromiso social que asumimos como fundamental no noso programa, e para avanzar cara a unha cidade máis sostible, comprometida coa cultura e o deporte, e coa ferramenta de goberno transparente, aberto e participativo”, sintetizou a responsable municipal de Facenda.

A primeira liña, correspondente ao gasto social, crecerá en máis de seis millóns de euros, o que, como salientou Vieito, supón un incremento dun 21% respecto a 2015. “O seu peso global nos Orzamentos pasará dun 11% a case un 14%”, concordou o alcalde neste apartado, para adiantar que o gasto en políticas de Medio Ambiente e Mobilidade “tamén medrará en tres millóns de euros, do 22% al 25%”. “Queremos camiñar cara a construción dunha cidade sostible desde o punto de vista social e medioambiental. É unha das prioridades do Goberno”, destacou a concelleira de Facenda, quen aludiu a programas como a renda social municipal, o reforzo das políticas de rehabilitación en materia de vivenda (que experimentan un aumento orzamentario do 32,5%), ou os investimentos para emprego e actividade económica, educación ou servizos sociais. Na área de Igualdade e Diversidade, Vieito salientou que a súa dotación, “sen precedentes na historia do Concello”, supera os dous millóns de euros. Asimesmo, a concelleira sinalou que as dotacións para actuacións medioambientais, ordenación e xestión do tráfico e transporte público increméntanse máis de tres millóns de euros, un 5,4% respecto Orzamento inicial do ano pasado.

En canto aos recursos destinados a actividades culturais e deportivas, aumentan un 6%, para chegar aos 25,37 millóns de euros, un apartado do que a responsable municipal de Facenda salientou durante a presentación do proxecto de Orzamentos o “claro compromiso coa promoción da música, que se demostra na aposta e investimento que se realiza para a Orquestra Sinfónica de Galicia, coa maior achega municipal da historia ao Consorcio de Promoción da Música”. “Agardamos que sirva de exemplo para outras administracións presentes neste Consorcio, que minoraron as súas achegas nos últimos anos”, comentou Vieito.

Por último, as políticas relacionadas coa participación medran máis do 100%, situándose por enriba dos 2,4 millóns de euros –a Concellería de Participación e Innovación Democrática, en concreto, recibirá unha dotación de 1,8 millóns, aos que hai que sumar as partidas relacionadas con ferramentas informáticas dedicadas a goberno transparente –.

A %d blogueros les gusta esto: